20/12/10

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo devolveu ao Concello de Cangas a documentación achegada do PXOM, terá que ser novamente remitida unha vez que o concello cumprimente tódolos trámites que esixe o artigo 84 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, da LOUGA.
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriulle ao Concello de Cangas que, de conformidade co artigo 85.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, da LOUGA, cando remate a fase de elaboración do planeamento” (artigo 84 LOUG), será cando debe remitir o expediente completo a esta secretaría xeral para o seu informe.
En dito expediente, recalcou a secretaría xeral, deberá constar toda canta documentación forme parte da tramitación do PXOM ata este momento, -entre ela os informes técnicos e xurídicos municipais, respecto da conformidade do PXOM coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada-, así como a que debe formar parte do propio documento do PXOM regulada no artigo 61.1 da LOUG.
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo recibiu o pasado 3 de decembro o PXOM de Cangas, solicitando Informe Previo á súa Aprobación Inicial, conforme ó disposto no artigo 85.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
A entrada en vigor da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, establece na súa disposición transitoria primeira, que aqueles plans que non alcanzasen a aprobación inicial á data de entrada en vigor desta lei, deberán adaptarse plenamente a ela.
Adaptación plena dos contidos e da tramitación
A aplicación da referida disposición transitoria, implica, non só a adaptación do PXOM ás novas determinacións que a citada lei regula, senón tamén a plena adaptación dende o punto de vista da súa tramitación. Así, a Lei 2/2010, do 25 de marzo, regula un novo procedemento de elaboración e aprobación do planeamento, tal e como se reflicte na nova redacción dada ós artigos 84 e 85 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, integrándose agora o procedemento de avaliación ambiental estratéxica na propia tramitación do plan xeral.
Neste senso, a Secretaría Xeral de Urbanismo ten coñecemento que na mesma data de 3 de decembro de 2010 tivo entrada na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental unha addenda, que modifica o documento de inicio co que se iniciara o trámite ambiental no ano 2008, ós efectos de que o órgano ambiental elabore o documento de referencia no que se determine a amplitude e o nivel de detalle do informe de sustentabilidade ambiental (ISA), que deberá elaborar o Concello atendendo aos criterios recollidos no indicado documento de referencia redactado polo órgano ambiental.
Situación actual do planeamento de Cangas
O Concello de Cangas réxese por unha Normas Subsidiarias de Planeamento que entraron en vigor o 20 de decembro de 1993. O concello contratou un PXOM do que hai un Informe Previo á Aprobación Inicial do xuño de 2004.
O 28 de decembro de 2006 o concello contratou a redacción dun novo PXOM que posteriormente foi modificado para adecuarse a fase da resolución da nova axuda, en data de 28 de agosto de 2009.
A Subvención concedida é de 253.746 euros. Ata o momento a Xunta abonou 50.749 € correspondentes á 1ª fase da axuda (sinatura do contrato modificado). Esta previsto que se lle abone a 2ª fase (50.749 € ) cando presente completo o expediente do PXOM á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para emisión de Informe Previo á Aprobación Inicial.
O Concello de Cangas tamén solicitou a axuda complementaria ao abeiro da Orde do 29 de xullo (DOG 09/08/2010) para adaptar os traballos do PXOM á Lei 2/2010 de 25 de marzo, póla que recibirá 30.449,63 € a maiores.