24/1/13

El Bloque lleva al Parlamento el estado de degradación del transporte de viajeros en la Ría

Á Mesa do Parlamento 
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da súa deputada Montserrat Prado Cores, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno, relativa á adopción de medidas para a defensa e mellora do servizo de transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo. 
Estase a constatar dende hai tempo un proceso de degradación das condicións do transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo. Nos últimos tempos, directamente, coa eliminación do servizo Moaña-Vigo/Vigo-Moaña os domingos, e coa diminución de frecuencias na liña Cangas-Vigo/Vigo-Cangas. Un proceso paulatino de precarización do servizo, vinculado á súa liberalización/privatización, que pode e debe ser corrixido. 
Existen posibilidades reais e legais de modificar este estado de cousas, e converter este servizo nun eixo estratéxico na comunicación entre Vigo e a comarca do Morrazo. Son moitas as persoas que se teñen que desprazar por motivos laborais, académicos, administrativos, sanitarios, culturais, de lecer, etc., polo que este modelo de transporte colectivo, áxil e de calidade, ambientalmente sustentábel, máis rápido e barato, debera pasar a ser unha auténtica aposta política do Goberno galego. Na Galiza, as rías non separan: unen. E o caso concreto da ría de Vigo, cunha ampla experiencia histórica de comunicación marítima entre as dúas bandas, é o mellor exemplo.
Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego a formular a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno. 

O Parlamento de Galiza insta o Goberno galego a: 
1.- Adoptar as medidas precisas, con carácter de urxencia, para restituír a permanencia do transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo, tamén en domingo, das liñas Moaña-Vigo/Vigo-Moaña e Cangas-Vigo/Vigo-Cangas, co nivel de frecuencias existente antes da súa eliminación. 
2.- Formalizar un convenio entre a Xunta de Galiza, Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos implicados para a redución do prezo de billete a viaxeiras e viaxeiros. 
3.- Presentar, no actual período de sesións (até xuño de 2013), un Proxecto de Lei de restitución do carácter público de titularidade da Xunta de Galiza do transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo. 
4.- Constituír unha empresa pública dependente do Goberno galego para a prestación do servizo de transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo e, eventualmente, en calquera outro traxecto que se estabeleza entre puntos do litoral galego. 
5.- Elaborar, coa participación dos colectivos de usuarias e usuarios, un Regramento que recoñeza, ampare e garanta o exercicio de dereitos por parte de viaxeiras e viaxeiros, incluíndo -entre outros- os referidos á estabilidade de prezos, frecuencias, permanencia de horarios e itinerarios, prestación do 
servizo, estabelecemento de servizo alternativo por estrada en caso de condicións climáticas adversas ou outras situacións de emerxencia, medidas de seguranza, accesibilidade e habitabilidade de embarcacións e estacións marítimas, etc. Contemplará, ademais, as obrigas contractuais das empresas prestadoras deste servizo, así como o réxime de sancións no caso de incumprimento das mesmas. 
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2013. 
Asdo.: Montserrat Prado Cores , Deputada do G.P. do BNG 
Francisco Xesús Jorquera Caselas, Portavoz do G.P. do BNG