24/1/13

"A nova Lei de horarios comerciais de Galicia busca o equilibrio entre o pequeno e mediano comercio e as grandes superficies" (Feijóo)

COMPOSTELA - [Redacción de morrazotribuna] >
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou hoxe que a nova Lei de horarios comerciais de Galicia busca o equilibrio entre o pequeno e mediano comercio e as grandes superficies. “Estamos cumprindo os nosos compromisos que mais benefician á maior parte dos traballadores deste sector e que benefician á consolidación dos cascos e dos barrios das cidades”, remarcou. 
Así, o titular do Goberno galego asegurou que esta lei, que agora será remitida ao Parlamento, nace cun dobre obxectivo: cumprir a lexislación básica do Estado e atender ás peculiaridades do pequeno e mediano comercio en Galicia. “Cumprimos coa normativa básica estatal pero o facemos, dentro das capacidades que deixa esta lexislación básica, facilitando a supervivencia do pequeno comercio en Galicia”, concretou. 
Neste sentido, o presidente galego explicou que o pequeno comercio terá liberdade horaria coa novidade de que se incrementa a superficie máxima que pode ter un establecemento para gozar dese beneficio ata 300 metros cadrados, fronte aos 150 actuais. “Máis liberdade horaria para o pequeno comercio, máis posibilidades para vender e organizarse”, remarcou.
Por outra banda, as grandes superficies poderán abrir 10 festivos –actualmente son 8-, a cantidade mínima que establece a lexislación estatal que contempla a apertura ata 16 festivos ao ano. “O horario máximo semanal será de 90 horas que tamén é o mínimo que establece a lexislación básica do Estado”, engadiu Feijóo.
“En definitiva cumprimos o obxectivo de facilitar o pequeno comercio en Galicia e cumprimos o obxectivo tamén de que as grandes superficies se vexan beneficiadas pola lexislación básica do Estado”, remarcou Feijóo. “Poderíamos chegar a 16 pero tomamos a decisión de manternos na banda baixa de 10 festivos ao ano. E liberdade horaria a todos os comercios de menos de 300 metros cadrados. Cremos que isto supón equilibrio dentro dos lexítimos intereses das dúas formas de comercio e supón tamén asumir os nosos compromisos electorais”, destacou. 

Novidades en materia de sancións
O presidente da Xunta explicou que, en materia de sancións, a nova lei equipara as sancións contempladas na Lei de horarios comerciais do ano 2006 e na Lei do comercio interior de Galicia do ano 2010. “Non parecía razoable que houbera dous tipos de sanción en dúas leis que regulan o comercio en Galicia”, asegurou. 
Así, o presidente galego explicou que, unha vez máis, a Xunta intenta perxudicar o menos posible ao pequeno comercio e diminúe a contía das faltas leves –as que máis comete o pequeno e mediano comercio- ata 1.500 euros fronte aos 60.000 actuais, e incrementa a das moi graves que pode chegar ao millón de euros. “Estamos facendo todo o posible para que o pequeno comercio non poidan verse nunha situación imposible no suposto de que reciban unha sanción”, salientou. 
“En calquera caso na lei queda claro que a graduación das sancións se fará en función da dimensión do comercio do que se trate. Polo tanto, o lexislador deixa un espazo para que o instrutor do expediente poida graduar a sanción en función do volume do comercio, da facturación e da dimensión do comercio sancionado”, puntualizou o presidente galego.