18/1/13

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións ante o temporal de chuvia e vento que afecta a Galicia

CANGAS - [Redacción de morrazotribuna] >
A Xunta de Galicia recorda a necesidade de extremar as precaucións ante o temporal de chuvia e vento que afecta a Galicia estes días e seguir as medidas de protección pertinentes. Así mesmo, aconséllase consultar a páxina web do Centro de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica, recomendacións e con enlaces de interese. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ten alertado dun episodio de de meteoroloxía adversa por choiva de nivel laranxa, que se iniciou a pasada medianoite en Pontevedra e que nas últimas horas ten provocado que se xestionasen case 200 incidencias no 112 Galicia, basicamente por mor das chuvias caídas. Así, entre as 13 e as 19 horas de hoxe xestionáronse 86 incidencias na provincia de Pontevedra, 63 na de Coruña, 23 na de Lugo e 22 na de Ourense, na súa meirande parte relacionadas con debordamentos de ríos e anegamentos, así como caídas de polas e desprendementos de terra e pedras.
  Plan de inundacións
A dirección xeral de Emerxencias e Interior informou da activación do Plan especial de Protección Civil ante o risco de inundacións de nivel 1, debido ás análises dos parámetros meteorolóxicos e hidrolóxicos das últimas horas. Segundo a Axencia Estatal de Metereoloxía (AEMET), debido ao temporal por vento e choiva que afecta á nosa comunidade, con precipitacións localmente fortes e persistentes, hai un aumento xeneralizado dos caudais dos ríos con previsións en aumento, e desbordamentos puntuais en varios ríos da nosa comunidade Segundo indican as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da Delegación Territorial de Galicia, a partires das 24.00 horas de hoxe, no interior da provincia de Pontevedra espéranse precipitacións acumuladas que poderán acadar os 80 mm en 12 horas (alerta laranxa). Doutra banda, a AEMET tamén activou a alerta amarela nas zonas do Miño e as Rías Baixas; así como no interior, o este e suroeste da Coruña e nas zonas do Miño, noroeste e sur da de Ourense, onde se esperan precipitacións acumuladas que poderán acadar os 60 mm en 12 horas.
  Crecida dos ríos
Augas de Galicia pola súa banda informa do incremento xeneralizado do caudal dos ríos en toda a vacía hidrográfica Galicia costa, con especial intensidade a partir do mediodía de mañá. Polo que esta situación podería provocar posibles desbordamentos nas concas dos ríos Eume, Mandeo, Xallas, Ulla na provincia de A Coruña; e Umia, Lérez e Verdugo, na provincia de Pontevedra, así como noutros cursos fluviais de menor entidade. A Xunta vai levar a cabo análises e seguimento das previsións que irá avanzando o sistema de vixiancia, así coma control da evolución dos niveis e caudais dos ríos en tempo real a través das estacións de aforamento, así como a xestión dos encoros.