26/1/13

Feijóo anuncia que 3 conselleiros y la emergente Paula Prado dejan Parlamento y Concello de Santiago

COMPOSTELA - [Agustín Fervenza] >
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que Alfonso Rueda, Agustín Hernández e Jesús Vázquez compatibilizarán a súa acta de deputados coa súa condición de conselleiros na Xunta. 
Segundo Feijóo, os membros do Goberno que forman parte do Comité Executivo e teñan escano na Cámara galega seguirán formando parte do Grupo Parlamentario. Do mesmo xeito, anunciou que a nova voceira da formación, Paula Prado, terá dedicación plena á súa nova función orgánica e deixará as súas funcións actuais no Concello de Santiago. Isto repercutirá nunha mellor resposta conxunta aos problema da xente dende o partido, dende o Goberno e dende o Grupo Parlamentario.
Así se expresaba o líder do PPdeG trala primeira reunión do Comité Executivo do partido despois do XV Congreso, no que Feijóo saíu nomeado presidente da formación por terceira vez. 
Como recorda Feijóo, os afiliados amosaron o seu acordo coa renovación e reclaman un mellor funcionamento do partido. A esta petición, a formación responde reforzando a secretaría xeral co apoio dun vicesecretario xeral e dunha voceira, e ampliando as diferentes áreas de coordinación.
GALICIA ESTÁ AO QUE TEN QUE ESTAR
Por outra banda, o líder do PPdeG lembrou que o galeguismo destaca e defende o papel de Galicia na España á que pertencemos e coa que nos sentimos identificados, e o xeito de defendelo hoxe en día é garantindo a autonomía. Segundo lembrou o dirixente popular, hai comunidades que se defenden atacando inimigos artificais, ou que buscan destacar a través da estridencia; pero o modo máis útil de chamar a atención é o de Galicia, que é cumprindo co seu deber.
Así, para Feijóo, non hai hoxe en España unha comunidade máis autónoma que Galicia e lembrou que, neste primeiro mes do ano, a nosa comunidade ten garantido que non terá que recorrer a ningunha fórmula de rescate en xeral nin ao Fondo de Liquidez Autonómica en particular. Polo tanto, Galicia xera confianza e hoxe só hai dúas autonomías que pode dicir.
Así, os galegos, segundo o dirixente popular, non precisan cambiar números por palabras grosas, nin cambiar a declaración das súas contas por outro tipo de declaracións que non resultan útiles: Galicia está ao que ten que estar.


RESPONDER ANTE OS AFILIADOS
O líder do PPdeG apuntou que o partido ten a obriga de saber priorizar aquelo que resulta máis útil e importante para Galicia, e iso supón situar ao partido por diante dun mesmo pero tamén a Galicia e á xente por diante do partido.

Ademais, destacou que este é un partido de portas abertas: de portas abertas para que cheguen os que avalen os nosos niveis de exixencia en principios, valores, honestidade e unidade; e de portas abertas para que saian aqueles que non están dispostos a aceptalos.


Segundo Feijóo, os políticos non están aí para manterse senón para que o país poida facelo e para que haxa un futuro para todos. “Na política estase de paso e ese paso obriga sempre a mellorala desde o punto de vista da exemplaridade e a utilidade para os cidadáns”, dixo.

Eses son os deberes dos populares como afiliados ao partido e son unha obriga inexcusable para todos os que forman parte da nova dirección do PPdeG, posto que aí non están en nome propio senón para representar a máis de 100.000 afiliados.

Como lembrou o presidente do PPdeG, neses 100.000 afiliados hai centenares de concelleiros que buscan o mellor para os seus veciños; hai mulleres e homes que tratan de sacar adiante á súa familia e hai persoas que viven o drama do paro e confían en que o partido poida, coas súas políticas, contribuír a reverter a dura situación pola que están a pasar.

Ser o partido maioritario pon aos populares, por tanto, un nivel de esixencia alto, polo que deben estar á altura. 

Con respecto a isto, Feijóo apuntou que, se de algo teñen que estar orgullosos no PP é de que as persoas lles esixan máis, esperen máis deles que dos demais e de que sexan capaces de intentar dar máis e moitas veces conseguilo.