28/1/13

"Hernández e Vázquez axudarán a mellorar a coordinación entre a Xunta e o Grupo Parlamentario Popular" (Rueda)

CANGAS - [Redacción de morrazotribuna] >
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, cre que Agustín Hernández e Jesús Vázquez axudarán a mellorar a coordinación entre a Xunta e o Grupo Parlamentario Popular ao manter a súa acta de deputados.
Así se expresaba o número dous dos populares galegos nunha entrevista para RNE, onde engadía que o feito de que ambos conselleiros manteñan a condición de deputados será útil para manter un contacto máis directo entre o que se fai no Goberno galego e o que se quere transmitir desde o Grupo. Trátase dunha situación que o PPdeG pode permitirse agora que ten máis maioría parlamentaria.
A SITUACIÓN ECONÓMICA
Rueda respondeu afirmativamente á pregunta de se é posible que mellore a situación económica e lembrou que o Goberno central, que é o que manexa maiores perspectivas, afirmou que os datos comezarán a ser positivos moi pronto. 
Así mesmo, fixo fincapé no dato que se acaba de coñecer, segundo o cal Galicia, xunto a Madrid, é a única comunidade que colocou a súa débeda nun tempo case récord e sen problemas. Para Rueda, iso é mostra de que as cousas se están a facer ben e cre que, cando se fala de manter a solvencia e a seriedade na xestión económica, todo vai chegando. 
Así, con este dato, pódese dicir a principios de xaneiro que todos os servizos públicos que ten que manter a Xunta van estar garantidos ata o 31 de decembro. Iso, segundo o secretario xeral do PPdeG, dá visos de esperanza.
PAULA PRADO E AGUSTÍN HERNÁNDEZ
Con respecto á nova función no partido de Paula Prado como voceira, Alfonso Rueda amosouse seguro de que ela é a persoa axeitada para facelo e será a cara e a voz do partido en moitos asuntos que se queiran transmitir á sociedade.  
No que atinxe á nova responsabilidade de Agustín Hernández, Rueda explicou que concentra nunha figura, a de vicesecretario, o traballo que antes facían cinco persoas e coordinará todas aquelas comisións sectoriais sobre agricultura, economía e tódalas áreas nas que un partido divide a súa acción política. Segundo o secretario xeral do PPdeG, será un apoio moi importante para el poder contar cunha persoa directa coa que despachar os asuntos e coa que levar a cabo toda esa tarefa de coordinación.
COMPATIBILIZAR DISTINTAS RESPONSABILIDADES
Con respecto á cuestión de se será o sucesor de Feijóo, Rueda indicou que se trata dunha pregunta moi difícil de responder cando non ve por diante que se plantexe a sucesión. Como lembrou, ata agora aceptou todo o que Feijóo lle propuxo partindo da confianza de que o presidente o quería ao seu carón para seguir traballando e así o fará. Nesta liña, afirmou que Feijóo seguirá sendo o presidente da Xunta e que non hai que perder o tempo agora en debates sucesorios cando cómpre facer fronte á grave situación económica que se está a vivir.
Así mesmo, preguntado por cal é o segredo para poder lidiar coas responsabilidades que ten na Xunta, no Parlamento e no partido, Alfonso Rueda fixo fincapé que este reside en empregar moitas horas de traballo, tal e como fixo en fases anteriores. Neste punto, recordou especialmente á familia e ás persoas máis próximas, que son as que máis sofren as súas longas ausencias.
Ademais, salientou a necesidade de contar cun bo equipo co que repartir o traballo e no que poder delegar tarefas.
No que atinxe á medida de restricción do acceso ao Hemiciclo que adoptou a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, Rueda amosouse conforme xa que non se poden permitir escenas como as vividas últimamente na tribuna do Parlamento nas que se perdía por completo o respeto á Cámara e onde algúns manifestantes chegaron a proferir ameazas como: “Vai baixar o río Miño cheo de sangue”.
Por iso, con independencia da lexitimidade dos intereses das persoas que se manifestaban, para Rueda trátase dunha medida razoable xa que, se se perde o respeto, é difícil pedilo para outras cousas.
A IMAXE DA POLÍTICA
Por outra banda, ante a cuestión da necesidade de recuperar a confianza na política, Rueda asegurou que todo o que supoña adoptar medidas para que os cidadáns confíen máis nela é benvido. 
Neste senso, indicou ser consciente do deterioro da imaxe da política hoxe en día pero, nas súas palabras, “política vai seguir habendo sempre”, así como políticos, e o que hai que facer, por tanto, é recuperar a confianza.