23/1/13

Más de 4 millones de euros para nuevo programa de ayuda de la Xunta a los clusters

VIGO - [Redacción de morrazotribuna] >  O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou hoxe a convocatoria dun novo programa de axudas para clusters dotado con 4,25 millóns de euros, que permitirá o desenvolvemento dos seus plans estratéxicos no período 2013-2015. 
O programa, segundo explicou Conde durante unha visita ao Clúster de Empresas da Automoción de Galicia (Ceaga) onde mantivo un encontro cos seus directivos, encádrase dentro do novo réxime específico de apoio aos clusters que, proposto pola Xunta e validado pola Comisión Europea, permitirá trazar unha nova política para os clusters galegos, impulsando melloras nas infraestruturas e nos centros de investigación. 
Deste xeito, e como destacou Conde, a Xunta facilitará a aqueles “clusters que estean en disposición de xerar un valor engadido, desenvolver liñas estratéxicas que os posicionen como referentes da excelencia e do traballo específico nos distintos sectores”. Unha tarefa na que subliñou o labor desempeñado por Ceaga que, con máis de 90 compañías asociadas, tense convertido nun referente para outros clusters galegos e, por suposto, para o sector a nivel nacional e internacional.  
Neste contexto, o conselleiro, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e polo director de Ceaga, Francisco Anguera, lembrou o apoio do Goberno galego ao Cluster da automoción, como amosa o convenio recentemente asinado e que permitirá unha inversión dun millón de euros para continuar co desenvolvemento do Plan Estratéxico da Automoción (PAC 2015 – Visión 2020). As estratexias clave deste plan céntranse na innovación, prestando especial atención ao produto e á eficiencia enerxética; e na internacionalización, a través da localización de mercados emerxentes e a reorientación cara outros non afectados pola crise. 
O desenvolvemento do plan xa ten conseguido distintos avances como a consolidación da Universidade Corporativa Ceaga, que no pasado exercicio presentou 8 proxectos de innovación; ou o programa de eficiencia industrial, que conta coa participación de máis dun centenar de alumnos de 50 empresas do Cluster.
Así, a Xunta de Galicia traballa para posicionar o sector da automoción como “unha industria de referencia a nivel internacional”, apuntou Conde. “Por iso –proseguiu-, estamos a desenvolver unha estratexia integral que comprende non só medidas de carácter financeiro senón tamén apoios á innovación e a internacionalización”.