25/2/15

‘III Xornadas de difusión de investigación e seguimento no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia’

A directora xeral de Conservación da Natureza inaugurou hoxe as ‘III Xornadas de difusión de investigación e seguimento no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia’

VERÓNICA TELLADO DESTACA O TRABALLO INVESTIGADOR PARA CONTRIBUÍR Á PROTECCIÓN DO PATRIMONIO NATURAL
  • Salienta a importancia dos traballos que se están a realizar actualmente, como o seguimento de parámetros oceanográficos e físico-químicos do medio mariño medidos desde a costa, seguimento da rede de estacións meteorolóxicas, seguimento da flora e da fauna invasora 
  • Argumenta que xornadas como a celebrada hoxe permiten difundir a importancia de mellorar o coñecemento do medio natural e o enorme interese dos parques nacionais como focos de coñecemento e experiencias extrapolables a outras zonas
A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, inaugurou esta mañá as III Xornadas de difusión de investigación e seguimento no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, onde destacou a importancia dos traballos de investigación para contribuír á protección e conservación do patrimonio natural. A modo de exemplo citou os programas de seguimento no Parque nacional dos seus valores que ten por obxecto monitorizar un amplo número de variables ambientais de cara a coñecer a tendencia do seu estado de conservación e servir de apoio á toma de decisións.

Esta actividade divulgativa está destinada a profesionais do medio ambiente, investigadores, estudantes e todas as persoas interesadas, co fin de poñer en valor os traballos que se están a facer na actualidade, como o seguimento de parámetros oceanográficos e físico-químicos do medio mariño medidos desde a costa, seguimento da rede de estacións meteorolóxicas, seguimento da flora e da fauna invasora, rexistradores de ultrasons para o seguimento de morcegos, censos de aves mariñas nidificantes e invernantes, anillamento de aves migratorias, seguimento de especies de flora ameazada, cálculos de visitantes e seguimento da actividade extractiva pesqueira e marisqueira, entre outros.


Destacou a importancia da celebración deste tipo de xornadas centradas na investigación e na necesidade de difundir as conclusións dos estudos realizados da man dos propios investigadores co obxecto de mellorar o coñecemento do medio natural e o enorme interese dos parques nacionais como focos de coñecemento e experiencias extrapolables a outras zonas. Ademais, búscase establecer unha dinámica de transmisión do coñecemento.