20/2/15

O CONSELLO DA XUNTA APROBA A POSTA EN MARCHA DO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE VIGO E COMARCA

  • Nas vindeiras semanas o Goberno galego asinará este documento cos rexedores municipais de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior
  • Os veciños da comarca, incluídos os de Vigo, beneficiaranse de descontos de ata o 50% nos seus desprazamentos interurbanos, con aforros de arredor dos 600 euros anuais
  • A Xunta de Galicia achegará máis do 80% do importe total necesario, un total de 9,2 millóns de euros, e os concellos da área o 20% restante, 1,86 millóns
  • O departamento galego tamén asume o 100% dos transbordos, a bonificación por recorrencia e os descontos para as familias numerosas
Pulsar en imagen para ver más grande
O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha do Plan de transporte metropolitano da área de Vigo, que incorpora inicialmente doce concellos da área. Con este novo paso, o Goberno galego e os rexedores municipais dos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior poderán asinar nas vindeiras semanas este documento no que se recollen as obrigas e deberes de cada administración. 

Unha das peculiaridades do plan de transporte metropolitano da área de Vigo é a inclusión dos distintos modos de transporte da área como o bus e o barco, fomentando a intermodalidade.

A Xunta de Galicia fixo un importante esforzo nos orzamentos de 2015, que incrementan a partida para os plans de transporte metropolitano nun 42,5% e só na área de Vigo achegaranse 9,2 millóns de euros no período 2015-2019 e os concellos, 1,86 millóns, o que supón un investimento total de máis de 11 millóns de euros no transporte público de Vigo.

A posta en marcha desta modalidade de transporte público supón importantes aforros económicos para os usuarios, duns 600 euros ao ano. Ao igual que nas áreas en que xa está en marcha esta iniciativa (A Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo), a Xunta contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Ademais, a Administración galega contribúe coa bonificación dun 100% dos transbordos e cos descontos adicionais aos usuarios habituais, é dicir, por recorrencia, e ás familias numerosas, con descontos de entre un 20% a un 50% .

Grazas a esta iniciativa todos os veciños da área metropolitana, incluídos os da cidade de  Vigo, verán mellorada a súa mobilidade, ao ter subvencionadas as tarifas de transporte metropolitano con descontos de ata o 50% nos seus desprazamentos e con aforros de arredor dos 600 euros anuais.

A modo de exemplo, un veciño de Baiona que vaia a Vigo pasará de pagar 2,31€ a pagar 1,30€ coa tarxeta metropolitana. Se acumula máis de 40 viaxes no mes, benefíciase dun desconto adicional do 15% por recorrencia, co que aforraría uns 500 euros ao ano. Se é membro de familia numerosa especial, o aforro sería de case 800 euros ao ano. 

Grazas ao sistema de billete único, por exemplo, un veciño de Moaña que regrese á súa casa desde Vigo, pagará o billete bonificado do barco e, unha vez na súa localidade, poderá coller sen custo adicional o autobús ata o seu domicilio.

Tarefas inmediatas
Os pasos seguintes que se deberán dar para a implantación efectiva do plan son as probas piloto para garantir o correcto funcionamento da tarxeta TMG, polo que se abrirá un período de varias semanas en que se desenvolverán as probas piloto, co fin de comprobar o correcto funcionamento das máquinas canceladoras e do do sistema de facturación. Será un período para analizar posibles anomalías e corrixiranse, co fin de garantir un funcionamento pleno e sen erros no momento en que entre en vigor o plan. 

Para que as tarxetas poidan operar nos servizos desta área, de acordo coas condicións que se recollen no convenio, é preciso realizar unha adaptación tecnolóxica das maquinas canceladoras-expendedoras instaladas nos autobuses, interurbanos e nos barcos.

Trátase dun proceso tecnoloxicamente avanzado no que interveñen diversas entidades:

- A Dirección Xeral de Mobilidade, xerando os mestres que deben cargarse nas máquinas canceladoras, garantindo así a correcta avaliación do custo da viaxe ás persoas usuarias.

- A entidade bancaria, que achega os módulos SAM que garanten a inviolabilidade das operacións de pagamento, así como as tarxetas que se empregarán nas probas piloto.

- As empresas operadoras de transporte, que colaboran na remisión da información, na coordinación do proceso de adaptación das máquinas canceladoras e no desenvolvemento das probas piloto.


- As empresas que desenvolven a tecnoloxía para as canceladoras, que están a realizar a adaptación das devanditas máquinas homologadas para que poidan operar na área de Vigo coas tarxetas incorporadas ao sistema.