25/2/15

Plantación de árboles a cargo de escolares en el monte comunal de Lourizán

A Comunidade de Montes de Lourizán, en colaboración coa Escola de Capataces Forestais de Lourizán e cos colexios presentes na parroquia (C.E.I.P. A Carballeira e o Sagrado Corazón dos Praceres), organizan unhas xornadas de plantación de árbores nos montes veciñais.
"Convencidos da importancia da educación e concienciación medioambiental, especialmente na infancia, por representaren o noso futuro, levaranse a cabo estas xornadas, na que os protagonistas son os rapaces e que se pretende que se repitan anualmente", referiron desde a organización.
Previamente, xa se impartíu unha charla nos colexios por parte dun profesor da Escola de Capataces Forestais e dun membro da Comunidade de Montes, nas que se lles falou ós alumnos da importancia das árbores e dos bosques e do significado dos montes veciñais. Tamén se proxectou o documental "Sete Camiños. Encrucillada do Tempo".

Na plantación prevista, cada neno plantará unha árbore pertencente cada unha delas a unha especie diferente, o que fará máis forte ese vínculo persoal entre os alumnos e as árbores, ademáis de acompañar a planta cun cartel serigrafiado por eles mesmos, no que aparecerá o nome científico e o común en galego da especie plantada e o nome de quen a plantou. Todas as especies son autóctonas, polo que contribuirán a mellorar a biodiversidade do monte dunha forma responsable.
O papel dos alumnos da Escola de Capataces Forestais é importante, pois exercerán de monitores dos rapaces, dirixindo a plantación, o que, sen dúbida, enriquecerá esta sinerxia colaborativa.

A primeira xornada será este venres no monte do Catadoiro, na que 58 alumnos de 1º da ESO do Sagrado Corazón plantarán outras tantas árbores. Concretamente, van crear o que pasará a coñecerse como "O Paseo das Caducifolias" e "O Paseo dos Bidueiros", que formarán parte da "Ruta Arqueolóxica dos Sete Camiños" como novos elementos de interese.

E finalmente, os escolares farán un tramo da mencionada ruta, guiados por un arqueólogo que lles explicará o patrimonio cultural presente no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que pronto será unha realidade, pois xa se está a traballar na súa posta en marcha.