A SOCIEDADE FILHARMÓNICA DE VIGO CELEBRA O SEU CENTENARIO CUN DISCO

 O VOLUME RECUPERA A OBRA DO COMPOSITOR MARCIAL DEL ADALID
  • Editada coa colaboración da Consellería de Cultura, a obra constitúe “un valioso recurso para a revitalización e maior coñecemento do patrimonio musical galego”, afirmou esta tarde Anxo Lorenzo no acto de presentación en Vigo
  • O traballo, interpretado polo pianista Mario Prisuelos, inclúe primicias como o primeiro rexistro sonoro inédito dun caderno de seis romanzas sen palabras 
A Sociedade Filharmónica de Vigo celebra o seu centenario cun disco no que recupera a obra do compositor galego Marcial del Adalid (1826-1881), nunha edición que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que foi presentada esta tarde en Vigo. ‘Adalid. El piano romántico’ é o título do traballo, interpretado polo pianista Mario Prisuelos, que tamén é o responsable deste “valioso recurso para a revitalización e maior coñecemento do patrimonio musical galego”, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. 

“Os centenarios son oportunidades para botar unha ollada atrás, aos nosos piares, e ter unha perspectiva ampla e diferente do camiño andado”, dixo Anxo Lorenzo, quen asegurou que “este traballo nos dá esa perspectiva e permítenos ir aos alicerces máis sólidos sobre os que fomos asentando a creatividade musical galega posterior”. 

Un piar básico da música culta galega
“Malia ser considerado como un piar para a música culta galega, Adalid aínda é un gran descoñecido para os públicos xerais e esta é unha corrección á que o disco que presentamos vai contribuír”, asegurou. Ao fío disto, destacou o alentador traballo de revitalización liderado por entidades como a Socieadade Filharmónica de Vigo, sempre co impulso e entusiasmo de persoas que dedican moito tempo ao estudo e á posta en valor dos creadores”, dixo en referencia a Mario Prisuelos.

O secretario xeral rematou a súa intervención felicitando a Sociedade Filharmónica de Vigo “por estes cen anos de traballo a prol da música e da cultura, así como por promover unha iniciativa que vai ser unha fiestra nova para a descuberta dun dos nosos compositores históricos de referencia”. 

Ao remate do acto de presentación, no que tamén interviron o presidente e a secretaria da sociedade, Avelino San Luis e Nieves García-Soto, respectivamente; o pianista Mario Prisuelos ofreceu un concerto con temas do novo disco, que tamén presentará nunha xira nacional e internacional.  

Interese pola tradición musical 
O talento do pianista e compositor coruñés bebe tanto da súa formación cosmopolita e bo coñecemento dos clásicos, como do seu aprecio pola tradición musical e pola cultura galega, na que tivo unha participación plena xunto coa súa muller, a escritora e correspondente da Real Academia Galega Francisca González Garrido. A ela están dedicadas algunhas das pezas que conforman este disco, no que se ofrecen auténticas primicias, como o primeiro rexistro sonoro dun caderno de seis romanzas sen palabras que quedara inédito, titulado ‘Soirées d’automne à la ferme’. O manuscrito localizouse na Biblioteca Nacional, no fondo doado polos herdeiros do mestre Guelbenzu. 

O disco, editado por Universal e cun libreto en galego, castelán e inglés, foi gravado a comezos de 2015 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, baixo a produción de Javier Monteverde e co apoio técnico de Pablo Barreiro, da Radio Galega.

Boa parte das partituras pianísticas de Adalid consérvanse na Real Academia Galega, grazas á doazón realizada pola filla do mestre, María del Adalid Garrido. O material estudouno e editouno parcialmente, en maio de 1964, Antonio Iglesias. 

Proxectos de recuperación do patrimonio musical
Na liña de proxectos de recuperación e difusión do patrimonio musical, no último ano a Consellería de Cultura e Educación apoiou a presentación en Santiago de Compostela da charla-concerto ‘Eugenia Osterberger, unha compositora galega na Belle Époque’, presentado tamén no Museo de Belas Artes da Coruña. Trátase do resultado da investigación abordada pola investigadora Rosario Martínez Martínez e a musicóloga Beatriz López-Suevos, que presentaron o perfil biográfico e a relevancia histórica da obra desta compositora galega descoñecida. 

En 2014 tamén viu a luz co apoio da Secretaría Xeral de Cultura ‘Gaude, Maria Virgo’, un traballo discográfico dedicado á música mariana do grupo Vox Stellae. A escolma musical deste traballo, que abrangue desde o canto gregoriano do século IX ata o barroco tardío americano de principios do XVIII, inclúe dúas obras do arquivo da catedral de Santiago, xunto cunha nova versión do himno á Virxe de Santa María da Franqueira composto por Rogelio Groba en 1960 e con letra de José Díaz Jácome. O disco tamén conta coa participación de novos solistas galegos como o tenor Diego Neira.

‘Doce canciones gallegas’
A Consellería participou recentemente no proxecto de edición e difusión de ‘Doce canciones gallegas’, nun formato de libro-disco da soprano Begoña Salgueiro e do pianista Brais González. O traballo, publicado pola editorial Andavira, achega como principal novidade a gravación conxunta dos 12 temas orixinais e supón a recuperación e difusión dun valioso patrimonio poético-musical, practicamente descoñecido para a maioría do público galego do proxecto concibido nos anos 50 polo crítico musical ourensán Antonio Fernández-Cid.

Reveriano Soutullo
Finalmente, cómpre lembrar que, ao abeiro dun convenio de colaboración coa Fundación Reveriano Soutullo para o estudo e difusión da obra do compositor e músico de Ponteareas, en novembro de 2014 celebrouse o III Simposio Reveriano Soutullo, no que se analizou a súa figura e no que se expuxo tamén unha parte dos traballos de investigación que se veñen realizando desde hai anos sobre a obra do autor.


O traballo de investigación levado a cabo desde o 2006 nos arquivos da Banda Municipal de Vigo materializouse na recuperación de 22 partituras inéditas deste compositor galego que acadou sona internacional. Nesta liña, a Consellería, coa colaboración do Concello de Ponteareas, asumiu en 2014 a edición de dúas novas partituras do compositor ponteareán: ‘En noche de luna. Colección de seis piezas fáciles para piano’ e ‘Nocturno Vigo, para violín e piano’, que, dado o seu valor pedagóxico, poderán incorporarse aos programas dos conservatorios de música.