A XUNTA ANUNCIA NOVAS ACTUACIÓNS DE RECUPERACIÓN NAS ÁREAS DE REHABILITACIÓN INTEGRAIS GALEGAS

O titular da Xunta presidiu o acto de sinatura de convenios de Áreas de rexeneración e renovación urbana, onde estiveron presentes a ministra de Fomento, Ana Pastor, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez

FEIJÓO ANUNCIA NOVAS ACTUACIÓNS DE RECUPERACIÓN NAS ÁREAS DE REHABILITACIÓN INTEGRAIS GALEGAS GRAZAS A UN INVESTIMENTO CONXUNTO DA XUNTA E DE FOMENTO DE 15,3 MILLÓNS DE EUROS
  • “O noso obxectivo é que, en total, entre 2015 e 2016 poidan rehabilitarse máis de 1.700 vivendas nas Áreas de Rehabilitación Integrais galegas”, apunta
  • Indica que o acordo asinado hoxe permitirá realizar actuacións de rehabilitación nas vivendas de 508 familias, acometer 24 actuacións de urbanización neses municipios e investir para facelo case 6 millóns de euros de fondos públicos
  • Sinala que hoxe en día son 128 as vilas e cidades galegas que forman parte da rede de áreas de rehabilitación integral e que, polo tanto, contan cun instrumento para actuar de forma planificada e ordenada, de acordo coas prioridades que transmiten os concellos
  • Lembra que desde o ano 2009 asináronse convenios cos concellos galegos que teñen permitido a rehabilitación de preto de 3.700 vivendas grazas a un investimento conxunto da Xunta e Fomento de máis de 47 millóns de euros
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou novas actuacións de recuperación nas Áreas de Rehabilitación Integrais galegas grazas a un investimento conxunto da Xunta e do Ministerio de Fomento de 15, 3 millóns de euros.

“O noso obxectivo é que, en total, entre 2015 e 2016 poidan rehabilitarse máis de 1.700 vivendas nas Áreas de Rehabilitación Integrais galegas”, afirmou o mandatario galego, tras indicar que a vindeira semana o Diario Oficial de Galicia publicará a nova orde axudas que permitirá acometer actuacións de recuperación tanto nas Áreas de Rehabilitación Integral xa declaradas como naquelas que os concellos aspiren a declarar.

Así o sinalaba o dirixente popular no acto celebrado hoxe na sede da Xunta en Raxoi, onde varios concellos asinaron os convenios de Áreas de rexeneración e renovación urbana, no marco do Plan estatal 2013-2016 en Galicia. Alí tamén estiveron presentes a ministra de Fomento, Ana Pastor, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez. 

Como destacou o mandatario galego, dito acordo permitirá realizar actuacións de rehabilitación nas vivendas de 508 familias, acometer 24 actuacións de urbanización neses municipios e investir para facelo case 6 millóns de euros de fondos públicos.

Nesta liña, detallou que a fórmula para facelo será o das susoditas Áreas de Rehabilitación Integral, un modelo no que Galicia foi pioneira no ano 1996 e no que se ten convertido en referente estatal. De feito, como lembrou, neste tempo téñense declarado en Galicia máis áreas de rehabilitación integral que en ningunha outra comunidade: un total de 56 en 38 concellos, aos que se uniu despois a dos Camiños de Santiago, que beneficia a un total de 107 municipios. 

Así, segundo precisou Feijóo, hoxe en día son 128 as vilas e cidades galegas que forman parte da rede de áreas de rehabilitación integral e que, polo tanto, contan cun instrumento para actuar de forma planificada e ordenada, de acordo coas prioridades que transmiten os concellos. Desta forma, poderán mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas e con iso a vida dos habitantes dos ámbitos das áreas de rehabilitación; frear a degradación en barrios urbanos nos que as construcións comezan a resentirse; contribuír a facer dos espazos públicos contornos máis agradables e recuperar o valioso patrimonio histórico que agocha a arquitectura civil galega.

Por todo iso, a Xunta está a apostar con determinación, como recalcou o mandatario galego, por manter e intensificar o sistema das Áreas de Rehabilitación Integral. Proba diso é que desde o ano 2009 asináronse convenios cos concellos galegos que teñen permitido a rehabilitación de preto de 3.700 vivendas grazas a un investimento conxunto da Xunta e o Ministerio de Fomento de máis de 47 millóns de euros. Neste senso, Feijóo engadiu que a vontade do Goberno galego é seguir avanzando nesa liña e lembrou a sinatura no pasado mes de setembro do acordo para a aplicación en Galicia do Plan estatal de fomento do aluguer e a rehabilitación, incluíndo no seu financiamento as Áreas de Rehabilitación Integral.


Deste xeito, como destacou Feijóo, avanzarase cara aos obxectivos do Plan de Vivenda de Galicia, actuarase de acordo cos principios de posta en valor do territorio e protección da paisaxe que inspiran a Lei do Solo que se está a elaborar, e axudarase a dinamizar o sector da construción, tendo en conta que por cada millón de euros investido na rehabilitación, xéranse 56 postos de traballo.