A XUNTA DESTACA OS BENEFICIOS DAS AXUDAS DE INFRAESTRUTURAS PARA OS PEQUENOS CONCELLOS

  • O vicepresidente visitou o concello de Leiro, que recibiu máis de 46.500 euros para o acondicionamento da praza Rei de Viana e a execución de beirarrúas en Bieite
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da Orde de Infraestruturas de uso público para os pequenos concellos e os seus cidadáns, que no caso de Leiro recibiron máis de 46.500 euros para pequenas actuacións.

Rueda visitou o concello de Leiro acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martinez, e do alcalde da localidade, Francisco José Fernández Pérez, e puido coñecer in situ as as actuacións levadas a cabo ao abeiro de varias subvencións da Xunta a prol dos concellos, como son a Orde de Infraestruturas de uso público e o Fondo de compensación Ambiental.

No caso das infraestruturas, o concello de Leiro recibiu máis de 46.500 euros para realizar o acondicionamento da praza Rei de Viana e a execución de beirarrúas en Bieite, dúas pequenas actuacións que redundan directamente no beneficio dos veciños. 

A través destas axudas, a Xunta apoia aos concellos galegos para financiar estruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se prestan servizos administrativos. Ademais, tamén permiten subvencionar actuacións de mellora do alumeado público e pavimentación de vías municipais, obras menos “vistosas” pero fundamentais para a calidade de vida nun concello. 

Fondo de Compensación Ambiental 
Grazas ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental, o concello de Leiro xunto aos concellos de Arnoia, Beade, Cenlle e Cortegada -a Mancomunidade do Ribeiro-, recibiron o ano pasado unha axuda de máis de 50.000 euros para mellora do alumeado público na Ponte-San Clodio e para o mantemento e mellora dos servizos medioambientais da Mancomunidade.

O ano pasado, 2014, o Fondo de Compensación Ambiental achegou aos concellos galegos 8,7 millóns de euros a través das liñas de concorrencia competitiva e non competitiva. A convocatoria deste ano adiantouse respondendo a unha reinvindicación do municipalismo galego e volve a primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos.


A XUNTA DESTACA A IMPORTANCIA DUNHA ADMINISTRACIÓN EFICIENTE, TRANSPARENTE E ÁXIL NA ASIGNACIÓN DE RECURSOS E NOS PROCEDEMENTOS ADMINISTRATIVOS
  • A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto participou hoxe en Madrid no Seminario “Transparencia e Administración Dixital”
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto explicou  en Madrid a importancia de ter unha Administración eficiente na asignación de recursos, así coma transparente e áxil nos procedementos administrativos.

Natalia Prieto participou hoxe no Seminario “Transparencia e Administración Dixital”, que tivo lugar en Madrid na Aula Magna do Instituto Nacional de Administración Pública, e onde puxo á nosa comunidade coma exemplo de transparencia a nivel estatal.

A directora xeral relatou os avances levados a cabo na nosa comunidade dende o ano 2009 no eido da Transparencia e incidiu que esta plasmase por un lado, na existencia de regras, comportamentos e actitudes por parte das Administracións Públicas integrantes do sector público; e por outro lado, dende a vertente dos cidadáns que se materializa no recoñecemento e garantía do dereito á información público. Na mesma liña, a participación da cidadanía nos asuntos públicos é un dos eixes fundamentais da actuación das Administracións Públicas dos países occidentais, segundo palabras da directora xeral.

Así, a comunidade galega puxo en marcha a transparencia informativa ca remodelación  da  Guía de Procedementos e Servizos, que define a relación dos procedementos e servizos postos a disposición dos cidadáns e empregados públicos, facilitando información de máis de 1.500 procedementos de relación entre a cidadanía e a Administración Pública Autonómica.

Grazas ao Plan de Axilización Administrativa -o chamado Plan Achega-, que ten coma obxectivo aproximar a Administración galega á cidadanía mediante a adopción das medidas necesarias para incorporar todos os procedementos administrativos á sede electrónica da Xunta, redúcense os tempos de resolución e simplifícanse os trámites facilitando a presentación de documentación e axilizando así a prestación dos servizos públicos postos a disposición dos cidadáns.


Recentemente, o Consello da Xunta aprobou a Lei de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, actualmente en trámite parlamentario, que incidirá fundamentalmente na mellora dos canles de información ca cidadanía. E o Plan de Impulso Democrático, aprobado no mes de xaneiro, orientado ao fomento da transparencia e a garantía dos cidadáns para ter máis información e o establecemento dos controis oportunos en caso de incumprimento.