ABANCA e Deputación de Pontevedra apoian con crédito a 1.700 pemes e autónomos da provincia

ABANCA e a Deputación apoian con crédito a 1.700 pemes e autónomos de Pontevedra
  • O banco achega en oito meses 56,6 millóns de euros en financiamento vantaxoso a empresas, familias e corporacións locais de Pontevedra
  • Os préstamos destínanse na súa maioría a obter circulante e acometer novos investimentos empresariais
Comparecencia este mediodía, en Pontevedra
ABANCA e a Deputación de Pontevedra achegaron en oito meses 56,6 millóns de euros en financiamento a empresas, familias e corporacións locais da provincia a través do Plan Activamos. Este programa de apoio financeiro, impulsado por ABANCA en colaboración coa institución provincial, suma dende que se puxo en marcha en xullo de 2014 1.850 operacións, das que máis de 1.700 se formalizaron con pemes, micropemes e autónomos repartidos por toda a provincia pontevedresa.
Os datos do primeiro balance do Plan Activamos foron presentados hoxe polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa. Ámbolos dous directivos amosáronse moi satisfeitos coas cifras acadadas, e anunciaron a súa vontade de darlle continuidade ao programa unha vez que se esgote o orzamento inicial, dado que xa se leva tramitado máis do 80% do importe comprometido para todo o ano, que ascendía a 70 millóns de euros.
Pemes, micropemes, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios destes créditos, que contan con condicións moi vantaxosas con respecto ao estándar do mercado. En total, tramitáronse con estes segmentos 1.721 operacións, que concentraron máis do 90% do financiamento concedido na provincia no marco do Plan Activamos. Os créditos destináronse maioritariamente a financiar novos investimentos empresariais e, en menor medida, a atender necesidades de circulante e a emprendemento. O importe medio do financiamento a estes colectivos empresariais foi de 30.000 euros.
Máis de 120 familias de Pontevedra aproveitaron tamén as boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiaren obras de mellora enerxética no fogar e actividades formativas. En total, ABANCA leva tramitados a través do Plan Activamos préstamos a familias por un importe global de case un millón de euros na provincia pontevedresa.  O importe medio destes créditos foi de 8.300 euros.
O terceiro segmento ao que se dirixe o Plan Activamos, as corporacións locais e organismos autónomos de Pontevedra, recibiron máis de 4 millóns de euros durante os primeiros oito meses de vixencia deste programa. Nestes casos, o crédito solicitouse maioritariamente para financiar pequenas actuacións municipais. 
Louzán destacou que os resultados do Plan Activamos <son un craro indicador da recuperación económica pois reactívase o consumo e flúe o crédito>.
Pola súa banda, Santiago Novoa salientou a repercusión que está acadando este programa de financiamento no tecido económico e social da provincia, e agradeceu a colaboración que está prestando a Deputación de Pontevedra. “Grazas a esta alianza estamos apoiando o progreso da provincia cunha liña de créditos específicos para pequenas empresas e autónomos, familias e corporacións locais nas mellores condicións do mercado”, manifestou o directivo de ABANCA. 
As modalidades de crédito incluídas no Plan Activamos contan con tipos de xuros moi vantaxosos en relación á oferta bancaria actual, carecen de comisións de apertura, estudo, amortización e cancelación anticipada, e teñen posibilidade de carencia.

O Plan Activamos é froito dun convenio de colaboración subscrito en xullo de 2014 entre ABANCA e a Deputación de Pontevedra, que busca mellorar a competitividade e o desenvolvemento desta provincia galega. ABANCA comprometeu neste plan 70 millóns de euros para financiar, mediante créditos ‘brandos’, pequenos proxectos relacionados co emprendemento e a creación de emprego, a formación, a accesibilidade das vivendas, a extensión das novas tecnoloxías e a eficiencia enerxética.