Alianza Zona Franca-Xunta para crear en Galicia un espacio común de emprendedores e innovación

XUNTA E ZONA FRANCA SE ALÍAN PARA FACER DE GALICIA UN ESPAZO COMÚN DE EMPRENDEMENTO E INNOVACIÓN E AUNAR ESFORZOS NA SAÍDA A NOVOS MERCADOS
  • O conselleiro de Economía e Industria resalta que o acordo se cimenta sobre o éxito obtido na colaboración do Goberno galego con Vía Vigo, impulsando 10 proxectos a través da Axencia Galega de Innovación e de Xesgalicia
  • O convenio recolle a incorporación de ZFV á Unidade Galicia Emprende, que durante o último ano xa impulsou a creación de 42 empresas e colaborou na posta en marcha de máis de 300 proxectos
  • Se creará un grupo de traballo conxunto para a posta en marcha das iniciativas e se impulsará a captación conxunta de investimentos, reforzando un eido no que o tecido empresarial vigués está volcado, captando axudas para máis de 1.000 proxectos de internacionalización desde 2009
  • A través do Igape e de Ardán se elaborará un Indicador Comparado da Competitividade Empresarial, permitindo un mellor diagnóstico das necesidades e desafíos do tecido produtivo
Teresa Pedrosa, Delegada de Zona Franca
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe un acordo coa Zona Franca de Vigo “para facer de Galicia un espazo común de emprendemento, de innovación, e aunar esforzos tamén no eido da internacionalización”. Esta alianza, destacou Conde, se cimenta sobre o éxito obtido polo traballo conxunto en iniciativas como Vía Vigo, que sinalou como exemplo dunha colaboración institucional na que participa a Consellería apoiando 10 proxectos a través da Axencia Galega de Innovación e de XesGalicia. Precisamente o acordo permitirá replicar ese éxito noutras cidades galegas, trasladando o modelo de VíaVigo a outras aceleradoras.
O acordo recolle ademais, no eido do emprendemento, a incorporación da Zona Franca á Unidade Galicia Emprende. Como axente activo, avaliará, asesorará, e no seu caso financiará proxectos emprendedores no marco da UGE, que durante o seu primeiro ano de vida xa impulsou a creación de 42 empresas e colaborou na posta en marcha de máis de 300 proxectos. Conde tamén citou outros posibles ámbitos de colaboración no futuro, como a Rede de Viveiros, que se poderían sumar a outros eidos recollidos no convenio, como a creación dun Indicador Comparado da Competitividade Empresarial. A través desta última ferramenta estatística, que porán en marcha Igape e Ardán, se porá facer un mellor diagnóstico e atopar as mellores solucións para as empresas galegas.
O pacto supón un novo impulso para o emprendemento na comarca viguesa, onde a Consellería respaldou, nos últimos seis anos, máis de 200 proxectos de creación de empresas, mobilizando máis de 10 millóns de euros.
“Queremos fortalecer a alianza e unir esforzos en ámbitos nos que estamos a traballar desde hai tempo de forma conxunta”, resaltou Conde, buscando “sinerxías e actuacións conxuntas” para facer “un traballo máis eficaz e eficiente” a prol do tecido empresarial e a creación de emprego. Neste senso, se creará un grupo de traballo conxunto para a posta en marcha das iniciativas, e se porá especial atención no eido da internacionalización, impulsando a colaboración entre a Xunta e Zona Franca en varios ámbitos. Entre eles, destaca a captación de investimentos estranxeiros para Vigo e para toda Galicia; a vixilancia para identificar oportunidades comerciais en todo o mundo e o impulso ao acceso ás licitacións internacionais; ou o incremento dos expertos da Rede de Mentores, que xa suma 150 profesionais.

Este impulso permitirá a Vigo reforzar a súa aposta pola internacionalización empresarial, un eido no que o tecido empresarial vigués está volcado: dos máis de 3.000 proxectos de internacionalización empresarial apoiados pola Xunta desde 2009, preto de 1.000 corresponden a empresas da comarca viguesa.