AMPLÍAN PROGRAMA DE RUTAS GUIADAS PARA COÑECER O PATRIMONIO NATURAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS

As persoas que desexen participar na primeiras das actividades ao arquipélago das Illas Cíes o vindeiro 11 de abril, deberán inscribirse antes do 6 de abril

MEDIO AMBIENTE AMPLÍA EN CATRO DATAS O PROGRAMA DE RUTAS GUIADAS PARA COÑECER O PATRIMONIO NATURAL DAS ILLAS FÓRA DOS MESES ESTIVAIS
  • Tal e como anunciara a conselleira o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia amplía o programa de rutas guiadas ‘Descubrindo o Parque Nacional’, debido á demanda rexistrada
  • A actividade guiada polo parque é de balde para os participantes, que deberán asumir o custe do desprazamento ata o porto de saída e ata o arquipélago
  • Estipúlase un mínimo de participantes e un máximo, e a situación meteorolóxica adversa será motivo de anulación desta
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas organiza catro novas rutas e visitas guiadas gratuítas aos arquipélagos do Parque Nacional Illas Atlánticas, baixo o lema Descubrindo o Parque Nacional. Este programa comezou no mes de febreiro ofrecendo cinco rutas guiadas, pero debido ao éxito da iniciativa decidiuse ampliar con catro actividades máis durante o meses de abril e maio, tal e como anunciar a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez. 

Con este programa de visitas preténdese animar aos cidadáns a coñecer os valores destes enclaves naturais fóra da tempada de verán, nunha época de menor afluencia, e na que se descobre os seus valores dende outro punto de vista.

A primeira das actividades, que leva por título “Unha viaxe no tempo”, está organizada para o sábado 11 de abril e o destino é o arquipélago de Cíes. Trátase dunha ruta lineal de 2 quilómetros, na que poderán participar un máximo de 20 persoas. A previsión é saír do porto de Vigo ás 10:30 horas, para chagar ás 18:00 horas ao mesmo punto. Non obstante, as persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do 6 de abril.

As outras tres rutas son os seguintes sábados: o 18 de abril ao arquipélago de Ons, o 25 de abril a Sálvora , e por último á illa de Cortegada o 2 de maio. A continuación detállanse as rutas que se ofertan, así como a data límite de inscrición:


Xornada
Illa 
Ruta
Data limite inscrición
Prazas
11 de abril
Cíes
Unha viaxe no tempo.
Luns 6 abril
20
18 de abril
Ons
Unha illa de nomes.
Luns 13 abril
20
25 de abril
Sálvora
Illa de esculturas e lendas.
Luns 20 abril
22
2 maio
Cortegada
O segredo dun bosque no mar.
Luns 27 abril
12


Solicitudes
Estas visitas fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita a este espazo protexido.

O modo de reservar praza representa unha novidade neste programa. Todas aquelas persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán reservar a súa praza a través da web da central de reservas que ten habilitado o Organismo Autónomo de Parques Nacionais, lugar onde están centralizadas todas as actividades que se ofrecen en tódolos Parques Nacionais de España. O enlace web é www.reservasparquesnacionales.es. No apartado específico do PN Illas Atlánticas, aparece un listado das actividades ofertadas, así como unha lista de espera para cada unha das rutas (que so se solicita no caso de que se cubran as prazas para a ruta). Cada persoa poderá reservar e participar nunha soa ruta.

Tamén poderase cubrir dita solicitude acudindo á sede do Parque Nacional (rúa oliva 3, Vigo).

Aqueles que teñan idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos deberán ir acompañados dun adulto, e por cada adulto participante, admitiranse como máximo dous menores ao seu cargo.

A actividade será gratuíta na illa, pero cada persoa participante debe asumir o custo do transporte ao arquipélago, que deberá ser abonada antes de comezar o servizo. O transporte ao peirao de saída corre a cargo dos participantes.

No caso de non poder asistir á actividade deberase anular na mesma web de central de reservas onde se fixo a reserva e como máximo o mércores anterior a cada ruta, co fin de poder chamar a outras persoas interesadas que se atopen na lista de espera. 

Co ánimo de preservar os valores das illas e ofrecer unha atención o máis personalizada posible, estipúlase un número máximo de participantes. Tamén se advirte que a excursión pode adiarse ou quedar anulada se as condicións meteorolóxicas son adversas.