AS MICROEMPRESAS GALEGAS SUPERAN Á MEDIA ESTATAL NO USO DAS REDES SOCIAIS E DE SERVIZOS ELECTRÓNICOS COA ADMINISTRACIÓN

A Amtega publica o informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia 2014”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA) 
  • O 35,2% das microempresas galegas e o 38,5% das grandes empresas con actividade en Galicia empregan as redes sociais
  • Nove de cada dez empresas de 10 ou máis empregados e dúas de cada tres microempresas interactúan coas Administracións Públicas a través de Internet
  • Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia vendeu a través de Internet, cun incremento de máis 4 puntos no último ano
  • O 40% das microempresas con conexión á Internet e a metade das de máis de 10 traballadores  xa dispoñen de velocidades superiores aos 10 Mbps 
  • As conexións de 100Mbps xa están presentes no 10% das grandes empresas
O 35,2% das microempresas galegas e o 38,5% das grandes empresas con actividade en Galicia empregan as redes sociais, en ambos casos superan a media estatal. As empresas galegas superan ao conxunto do estado no uso de servizos online coa administración. 

Galicia conta con 205.519 empresas; das que o 95,8% son microempresas (con menos de 10 traballadores). As tres cuartas partes do tecido empresarial galego está distribuído no Eixo Atlántico dado que o 74,2% das empresas galegas se sitúan nas provincias da Coruña e Pontevedra (40,9% na Coruña e 33,3% en Pontevedra). 

Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2014, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este informe elaborouse no marco do convenio asinado entre a Amtega,o IGE e o INE.

As microempresas incrementan a súa visibilidade a través da web e das redes sociais
O informe destaca que a porcentaxe de empresas galegas que utilizan as redes sociais se incrementou 8,8 puntos no caso das microempresas e en 9,4 puntos para as empresas  de 10 e máis traballadores  con actividade en Galicia.

Ademais os blogs de empresas ou microblogs,  están especialmente estendidos nas empresas máis grandes con actividade en Galicia (43,5%)  e contan con importante presenza nas microempresas (26,6%).

Tres de cada catro empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia dispoñen de páxina web. Nas microempresas, esta proporción descende a  unha de cada tres, aínda que creceron 5.1 puntos fronte ao 3.5 da media estatal. No caso das grandes empresas que teñen actividade en Galicia, esta porcentaxe subiu 6,8 puntos, converxendo coa conxunto do Estado.

Uso da eAdministración
Nove de cada dez empresas de 10 ou máis empregados interactúan coas Administracións Públicas a través de Internet, ademais o valor deste indicador para as microempresas é significativamente elevado, xa que dúas de cada tres fan xestións coa Administración a través da Rede. O indicador continúa coa progresión positiva, situándose por riba da media estatal.

Tres de cada catro empresas galegas de 10 ou máis traballadores con conexión a Internet realizan declaracións de impostos a través da Rede, experimentando un crecemento de 7 puntos no último anos. No caso das microempresas,  a porcentaxe sitúase no 40,5%. 

Outra das xestións telemáticas máis frecuentes coas Administracións son as declaracións de contribucións á Seguridade Social. Este tipo de trámite foi realizado por máis da metade das empresas de máis de 10 empregados mentres que a porcentaxe redúcese máis da metade entre as microempresas galegas. Novamente, rexístrase un incremento significativo deste trámite entre as grandes empresas con incrementos superiores aos 10 puntos.

As vendas a través de Internet en Galicia superan a media estatal
O 20,6% das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia venderon a través de Internet. Nas empresas de 0 a 9 empregados o valor sitúase no 4,6%. 

Nas microempresas, o crecemento da venta online foi de 2,4 puntos porcentuais, duplicando o dato do ano anterior e superando lixeiramente a media estatal. Nas empresas de 10 ou máis traballadores, o crecemento foi de máis de 4 puntos e, tamén se sitúan por riba da media estatal.

España é o territorio predominante cara onde as empresas galegas dirixen a súa actividade, a Unión Europea e o resto do mundo son lugares que teñen certa relevancia para as empresas de maior tamaño

Crecen as conexións de máis de 10 Mbps e a banda larga móbil
O informe recolle que a práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores ten acceso a Internet contratado; mentres que nas microempresas esta porcentaxe é dun 62,7%. 

Ademais, as empresas galegas acceden a Internet a través de solucións de calidade: catro de cada dez microempresas con conexión á Rede teñen contratado velocidades de acceso a Internet maiores a 10 Mbps 2 puntos máis que o ano anterior. Nas empresas de maior tamaño, máis da metade xa dispoñen de velocidades superiores aos 10 Mbps e cabe destacar que ao redor do 10% xa conta con velocidades ultrarrápidas superiores aos 100 Mbps.

O acceso a Internet a través de banda larga móbil xa está presente en tres de cada catro empresas galegas de 10 ou máis traballadores. Nas microempresas o indicador é tamén moi positivo, cun 63,4% de microempresas con Internet que xa contratan banda larga móbil e cun ritmo de crecemento superior ao estatal (aumenta 11,4 puntos fronte aos 9,6 da media estatal). Isto permitiu reducir a fenda de 4,8 a 3 puntos no último ano.

Implantación de solucións de Cloud Computing 
O tamaño da empresa inflúe de xeito decisivo na compra de solucións de Cloud Computing: Un 3,5% das microempresas galegas compraron este tipo de solucións, elevándose esta porcentaxe ata o 15,8% nas empresas máis grandes con actividade en Galicia. As solucións de Cloud Computing que máis compraron as empresas galegas foron o almacenamento de ficheiros, servidores de bases de datos e o correo electrónico. 

Interese en formación TIC 
O crecemento das actividades formativas en TIC durante o ano 2014 foi maior nas grandes empresas galegas que nas estatais así a media estatal medrou 2,7 puntos porcentuais, mentres que nas empresas con actividade en Galicia este incremento supuxo uns 6,7 puntos máis que no ano 2013. Isto permitiu que as grandes empresas con actividade en Galicia superen á media estatal en actividades formativas TIC. 

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza 

Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.org