27/3/15

AS XORNADAS PROVINCIAIS DE DEMOGRAFÍA DA XUNTA REMATAN EN VIGO CUNHA CHAMADA Á CULTURA DA FLEXIBILIDADE E A CONCILIACIÓN

  • A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, inaugurou a cuarta e última das xornadas demográficas provinciais organizadas por este departamento autonómico 
  • A responsable da área autonómica explicou que os expertos coinciden en que as actuacións nesta materia de conciliación “son as máis efectivas” para lograr o fomento da natalidade
  • O Goberno galego ten incrementado nun 70% as prazas (3.800 máis en termos absolutos) en escolas infantís nos últimos cinco anos; e aumentado a dedución fiscal ata os 1.200 euros anuais no caso do segundo fillo e ata os 2.400 no caso do terceiro ou sucesivo
  • González salientou que a Xunta está poñendo en marcha mecanismos para favorecer a conciliación do persoal da Administración autonómica, como a flexibilidade horaria ou o teletraballo, aos que xa se teñen acollido máis de 7.000 empregados públicos
A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, inaugurou hoxe a cuarta e última das xornadas provinciais sobre demografía que a Consellería de Traballo e Benestar organizou nas catro provincias, nesta ocasión centrada na cultura da flexibilidade horaria na empresa e na importancia da conciliación para impulsar a demografía.

‘Conciliación, demografía e empresa’ é o título desta iniciativa que ten como obxectivo establecer sinerxías entre administracións e axentes sociais e económicos, unha “tarefa esencial” na loita contra a crise demográfica.

Neste sentido, contaron coa presenza do delegado internacional da Comisión nacional para a racionalización de horarios, J. María Fernández Crehuet, que abordou o asunto da conciliación, a demografía e a empresa; e coa directora de recursos humanos de Lonza Biologics, María Santos, que se referiu á ‘Flexibilidade horaria como factor diferenciador’.

A directora xeral de Familia destacou que “falar do reto demográfico e intercambiar ideas é o primeiro paso para darlle unha solución á problemática demográfica”, que existe en Galicia, que “co ritmo actual, dentro de 35 anos, podería ter menos habitantes dos que tiña en 1990”.

Amparo González explicou que a Xunta está a expoñer esta problemática en diferentes foros como o Senado, o Comité das Rexións en Bruxelas, xornadas internacionais, ante Comisarios europeos, e ante responsables doutras rexións da UE.

Ademais de expoñer a situación, lembrou que se conseguiron outros logros relevantes como activar a Comisión de demografía no Parlamento galego; realizar a Enquisa sobre o cambio demográfico; poñer en marcha do primeiro Plan de dinamización demográfica de Galicia, que xa está executado nas súas dúas terceiras partes; ou liderar a creación dun Foro de rexións con desafíos demográficos (FREDD) xunto con Asturias, Castela e León, Castela A-Mancha, Estremadura e Aragón.

Actuacións de conciliación 
A responsable da área autonómica explicou que os expertos coinciden en que as actuacións en materia de conciliación da vida laboral, familiar e persoal “son as máis efectivas” para lograr o fomento da natalidade. O Goberno galego ten incrementado nun 70% as prazas (3.800 máis en termos absolutos) en escolas infantís nos últimos cinco anos. 

Este curso vanse ofrecer un total de 9.294 prazas para os nenos e nenas de 0 a 3 anos en 159 escolas repartidas por toda Galicia. Isto supón 3.827 prazas máis das existentes en 2009, un 70% de incremento con respecto a 2009. Neste sentido, salientou que, por primeira vez, tense alcanzado en Galicia a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos en idade de acceso a unha escola infantil, que recomenda a Unión Europea.

Así mesmo, aumentouse a dedución fiscal ata os 1.200 euros anuais no caso do segundo fillo e ata os 2.400 no caso do terceiro ou sucesivo. Este incremento farase extensivo ás familias galegas que non teñen obriga de presentar a declaración da renda e que tampouco a presenten voluntariamente, xa que percibirán unha contía equivalente á dedución fiscal. Deste xeito, Galicia situarase á cabeza de todas as autonomías en beneficios fiscais en materia de natalidade.

Lembrou tamén a futura posta en marcha nos próximos meses do Observatorio galego de dinamización demográfica, cuxo obxectivo é converterse nun centro de referencia a nivel rexional e pioneiro a nivel estatal.

Tamén se ten incluído, de forma pioneira, un módulo transversal optativo nos cursos de formación para o emprego en materia de sensibilización demográfica. 


Ademais, González salientou que a Xunta está poñendo en marcha mecanismos para favorecer a conciliación do persoal da Administración autonómica, como a flexibilidade horaria ou o teletraballo, aos que xa se teñen acollido máis de 7.000 empregados públicos.