CONSELLEIRO DE FACENDA ANUNCIA : XUNTA APROBARÁ NESTE SEMESTRE O PLAN ESTRATÉXICO PARA O PERÍODO 2015-2020

  • Indicou que este plan permitirá ter unha planificación económica global e coherente coa UE, buscando maior eficacia e eficiencia nas políticas públicas
  • Valeriano Martínez compareceu hoxe no Parlamento para expoñer as liñas básicas do seu departamento
  • Avanzou que a Xunta de Galicia vai xestionar directamente 2.500 millóns de euros de fondos comunitarios ata 2020
  • “Galicia xa deu o paso da estabilidade ao crecemento, agora hai que traballar para consolidar ese crecemento e que sexa sostible no tempo”, sinalou
  • O conselleiro destacou que Galicia é a comunidade de réxime común que mellor paga aos seus provedores, un mes antes que a media das autonomías
  • Tamén adiantou que o balance das actuacións contra a fraude fiscal en 2014 será mellor que o do ano anterior 
  • Lembrou que a Comunidade tomou un camiño propio no control do endebedamento, sen o cal Galicia tería hoxe 2.500 millóns máis de débeda
  • O titular de Facenda asegurou que Galicia seguirá reducindo o déficit de forma progresiva e non abrupta para reforzar a solvencia e autonomía financeira
  • Na Función Pública, avanzou que a Xunta convocará neste ano novos concursos de traslados para garantir o dereito á mobilidade dos empregados públicos

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou hoxe que a Xunta aprobará neste primeiro semestre o novo Plan Estratéxico de Galicia para o período 2015-2020, o que permitirá ter unha planificación económica global e coherente coa Unión Europea, buscando unha maior eficacia e eficiencia no desenvolvemento das políticas públicas, e cunha aposta por un novo modelo de crecemento baseado na innovación e no coñecemento.

O titular de Facenda compareceu hoxe no pleno do Parlamento a petición propia para expoñer as liñas básicas do seu departamento. Na súa intervención, explicou que no Plan Estratéxico se plasmará “a nosa visión da Galicia do 2020 partindo dun xeito realista da situación actual”, e servirá para orientar e dotar de coherencia ao conxunto das actividades  que desenvolverá a Xunta a medio prazo.

Valeriano Martínez
Neste sentido, Valeriano Martínez resaltou que o novo Plan Estratéxico recollerá as novas programacións de fondos europeos para o período 2014-2020 presentadas o pasado verán. Precisamente, destacou que en Galicia os programas operativos rexionais e plurirrexionais terán unha dotación financeira en termos de axuda de 4.070 millóns de euros, e a Xunta de Galicia xestionará directamente 2.506 millóns nos distintos programas operativos.

O conselleiro tamén se referiu á situación económica de Galicia. Así, recordou que o PIB autonómico rexistrou en 2014 o mellor comportamento dos últimos catro anos e volveu a termos positivos por primeira vez desde 2010. Explicou que o crecemento da economía galega é aínda leve, e o obxectivo é que 2015 sexa o ano no que se consolide a recuperación e a creación de emprego. “Galicia xa deu o paso da estabilidade ao crecemento, agora hai que traballar para consolidar ese crecemento e que sexa sostible no tempo”, sinalou.

A comunidade que mellor paga
Na súa intervención, puxo en valor o traballo realizado por Galicia desde 2009 para garantir a solvencia e a sustentabilidade financeira. “É dicir, a nosa autonomía política, a capacidade de decidir qué facer, cómo facelo e cándo facelo”, advertiu o titular de Facenda, que destacou as reformas estruturais postas en marcha polo Goberno galego nos últimos anos.

Froito deste traballo, Valeriano Martínez informou de que Galicia é a comunidade que mellor paga aos seus provedores entre as 15 autonomías de réxime común. Segundo os últimos datos do Ministerio de Hacienda, a Xunta está a pagar un mes antes que a media das comunidades. “Non fai falta recordar a importancia de que unha administración pague en tempo e forma e o antes posible ás empresas, moitas delas pemes, para non condicionar o seu financiamento e viabilidade”, remarcou.

2.500 millóns de euros menos de débeda
O conselleiro tamén se referiu á política de endebedamento levada a cabo ata agora pola Xunta, e destacou que Galicia optou por alonxarse da media de comunidades e tomar un camiño propio neste eido. Neste sentido, explicou que a Comunidade galega o que fixo foi endebedarse só o necesario e imprescindible para apuntalar a formación bruta de capital fixo, “que é o que hai que facer nun escenario de caída de ingresos tan forte”.

Resultado disto, o titular de Facenda sinalou que Galicia é a segunda autonomía que menos aumentou o seu endebedamento dende 2008, cando tiña máis ratio de débeda que a media. E tamén foi a comunidade de réxime común que menos incrementou a súa débeda no ano 2014. Pola contra, de seguir coa política feita ata 2009 Galicia tería hoxe 2.500 millóns de euros máis de débeda, uns cartos “que as vindeiras xeracións de galegos non terán que devolver, porque non se pode gobernar pensando só no presente”, engadiu. 

Loita contra a fraude fiscal
No eido tributario, o conselleiro destacou que a Axencia Tributaria de Galicia acadou en 2013 –o seu primeiro ano de funcionamento- uns bos resultados nas actuacións contra a fraude fiscal, e fixo aflorar máis de 150 millóns de euros de débeda non declarada. A falta de pechar o balance de 2014, avanzou que os resultados serán mellores e enmarcou isto no plan especial de control feito o pasado ano, que permitiu detectar máis de 50 millóns.

Ademais, explicou que o Goberno galego vén compatibilizando as rebaixas selectivas de impostos e a introdución de beneficios fiscais –neste 2105 ascenden a 321 millóns de euros- cun incremento do gravame sobre os que máis teñen.


Finalmente, Valeriano Martínez referiuse ás melloras na Función Pública. En concreto, fixo mención á nova Lei de Emprego Público –en tramitación parlamentaria- e avanzou que neste 2015 convocaranse novos concursos de traslados para os empregados da Xunta.