16/3/15

FEIJÓO AVOGA POR UN NOVO MUNICIPALISMO: ABERTO, SEN MURALLAS E FONDAMENTE COOPERATIVO

O titular da Xunta presentou esta mañá ao alcalde de Santiago, Agustín Hernández, poñente no almorzo informativo de Fórum Europa
  • Sostén que a cidade moderna é un nó en medio de múltiples interconexións e interdependencias, sen receos de cara outras comunidades veciñas
  • Afirma que o alcalde de Santiago personifica esta nova política: “Alguén que demostra que os erros se poden corrixir, que se pode recuperar o pulso dunha comunidade e que a mellor terapia, en definitiva, é o reformismo”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por un novo municipalismo, aberto, sen murallas e fondamente cooperativo. “Como europeo, español e galego do século XXI, non creo nas cidades-estado”, aseverou, ao que engadiu que a cidade moderna non é nin pode ser unha illa. “É un nó en medio de múltiples interconexións e interdependencias. As cidades que prosperan son as que aproveitan ese mundo interconectado para facerse máis abertas”, dixo, subliñando que o novo municipalismo entende a cidade como unha comunidade sen murallas, sen receos de cara a outras comunidades veciñas.

Durante a presentación do alcalde de Santiago, poñente no almorzo informativo de Fórum Europa, Feijóo afirmou que Agustín Hernández personifica esa nova política: “Alguén que demostra que os erros se poden corrixir, que se pode recuperar o pulso dunha comunidade e que a mellor terapia, en definitiva, é o reformismo”.

Nesa liña, aseverou que Galicia ten un sistema de cidades propio, diferente ao de outras comunidades ou estados cunha macrourbe perfectamente marcada. “Nese sistema, a función de cooperación é clave para o equilibrio do conxunto do país”, insistiu, ao que engadiu que Santiago aporta un factor harmonizador no aspecto territorial, económico, político e mesmo sentimental. “E, para que esa función vital se cumpra, é imprescindible a presenza dun rexedor que combine a visión galega coa local. E, ninguén mellor que alguén que, polas súas responsabilidades anteriores, leva na súa equipaxe unha precisa panorámica da nosa terra no seu conxunto”, afirmou, en alusión a Agustín Hernández.

“O reformismo, a renovación, o cambio amable, van con el”, abundou, logo de precisar que “estamos diante dun rexedor peatonal, que practica unha política de proximidade, lonxe de acenos altisonantes ou de actitudes que parecen confundir a figura do alcalde coa dun pequeno emperador”.


O presidente da Xunta concluíu a presentación destacando a vocación e convicción de Agustín Hernández: “Vocación santiaguesa, e convicción de que a política, a nova política, ten máis obrigas que privilexios”, asegurou.