27/3/15

Feijóo habla del inicio ya del crecimiento económico en el sector del automóvil

O titular da Xunta presidiu o acto de clausura da Asemblea de Empresas de CEAGA 2015

FEIJÓO SALIENTA QUE A UNIDADE E PROFESIONALIDADE DA AUTOMOCIÓN XUNTO Á COOPERACIÓN INSTITUCIONAL PERMITEN A GALICIA ESTAR PREPARADA PARA INICIAR ANOS DE CRECEMENTO ECONÓMICO NO SECTOR 

  • Destaca que en Galicia fabrícase entre o 70% e o 80% dos compoñentes dun automóbil; “e, polo tanto, -di- aínda hai marxe no ámbito da produción” 
  • Resalta tamén a receptividade da multinacional francesa, coa intención de ofertar ás empresas auxiliares de Galicia máis pezas para os novos modelos como o K-9
  • En relación á innovación, lembra que, nos últimos anos, a industria de compoñentes ten investido máis de 600 millóns para adaptarse aos novos lanzamentos previstos na península ibérica 
  • Garante o apoio da Xunta, como ten demostrado dándolle á automoción un peso moi importante dentro da primeira convocatoria de unidades mixtas
  • No eido da internacionalización, subliña que se leva tempo tamén afondando neste campo, como proba o feito de que na industria de compoñentes o 73% da facturación corresponda a exportacións 
  • Sobre loxística, afirma que Vigo e Galicia contan con moitas posibilidades: “Somos cabeceira dunha autopista do Mar; temos unha posición estratéxica respecto ao novo Canal de Panamá; abriremos o camiño do AVE; e tanto o Porto Seco de Vigo, como a Zona Franca e o Porto de Vigo, son tamén respostas importantes para a futura loxística do sector”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o compromiso e a unidade de todo o sector da automoción, a pericia profesional dos 18.000 traballadores que viven del, xunto á cooperación institucional permiten a Galicia estar preparada para iniciar “uns próximos anos de crecemento económico no sector”, facendo fronte a catro grandes retos: máis produción, máis innovación, máis internacionalización e mellor loxística.

No eido da produción, e logo de valorar a decisión de PSA de adxudicar os novos modelos de vehículos comerciais lixeiros á planta de Balaídos, cunha produción garantida de dous millóns de unidades en dez anos, Feijóo avogou por traballar para acadar un segundo paso: incrementar a porcentaxe de participación da industria auxiliar implantada en Galicia.

Sobre este punto, e durante o acto de clausura da Asemblea de Empresas de CEAGA, o responsable do Executivo autonómico salientou que en Galicia fabrícase entre o 70 e o 80 por cento dos compoñentes dun automóbil; “e, polo tanto, -aseverou- aínda hai marxe no ámbito da produción”.

Así mesmo, resaltou tamén a receptividade da multinacional francesa e, neste sentido, referiuse á intención de PSA de ofertar ás empresas auxiliares de Galicia máis pezas para os novos modelos como o K-9; “e o feito de que haxa 46 empresas que ofertan prezos para pezas que non facían para PSA, é outra proba máis neste eido”, engadiu.  

En relación á innovación, Feijóo lembrou que, nos últimos anos, a industria de compoñentes ten investido máis de 600 millóns para adaptarse aos novos lanzamentos previstos na península ibérica.

Nesta liña, garantiu o apoio do Goberno galego, como ten demostrado dándolle á automoción un peso moi importante dentro da primeira convocatoria de unidades mixtas. “Existen tres unidades mixtas que conxuntamente mobilizan máis de 12 millóns, e espero que siga tendo un papel predominante na segunda convocatoria”, sentenciou.

No tocante á internacionalización, Feijóo subliñou que se leva tempo tamén afondando neste campo, como proba o feito de que na industria de compoñentes o 73% da facturación corresponda a exportacións; e, sobre todo, que o volume de negocio se incrementase en 100 millóns –un 10% máis- grazas ás exportacións.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que o camiño da internacionalización vai da man do cuarto reto: a mellor loxística posible. E, neste eido, afirmou que Vigo e Galicia contan tamén con moitas posibilidades: “Somos cabeceira dunha autopista do Mar que comeza a funcionar; temos unha posición estratéxica respecto ao novo Canal de Panamá; abriremos tamén o camiño do AVE; e tanto o Porto Seco de Vigo, como a Zona Franca e o Porto de Vigo, son tamén respostas importantes para a futura loxística do sector”.


Feijóo concluíu a súa intervención expresando o convencemento de que Galicia será capaz de afrontar estes catro retos importantes, porque conta cun Clúster forte, que representa practicamente ao 100% do sector, e cunha Administración comprometida coa automoción.