Feijóo : "o 24M os cidadáns teñen que elixir entre un goberno que pase todo o día discutindo ou outro que se dedique a gobernar"

Todos los candidatos populares a las alcaldía de la provincia posaron al final del acto
O presidente do PPdeG clausura a presentación dos candidatos do partido na provincia de Pontevedra
  • Sinala que hai partidos que só queren chegar ao poder para levar a cabo una ruptura, mentres que a proposta dos populares é seguir traballando con rigor e responsabilidade para que Galicia e España sigan evolucionando
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves que o vindeiro 24 de maio os cidadáns terán que elixir nas urnas entre un goberno que pase todo o día discutindo ou outro que se dedique a gobernar. “Esa é a diferenza entre uns e outros”, aseverou.

Así se expresaba o dirixente popular esta tarde de xoves na clausura da presentación dos candidatos do partido na provincia de Pontevedra para as próximas eleccións municipais. Alí, Feijóo pediulles aos asistentes que non se afasten do camiño que está permitindo que España e Galicia melloren.
Nesta liña, engadiu que os populares ao que teñen que estar dedicados cada día é aos cidadáns, por máis que os mesmos que conduciron a España ao fracaso económico e social digan que agora si saberían facer as cousas. Así mesmo, pediu tamén que ignoren aos que levan toda a vida falando de independencia e autodeterminación e seguen enrocados niso e aos que din ter solucións para todo aínda que non xestionara nada nunca.

BUSCAR O VOTO DO ORGULLO
O líder dos populares galegos convidou aos populares, que aspiran a seguir representando a esa maioría de cidadáns que os apoian, que sigan sendo voceiros das súas aspiracións. 

Así mesmo, advertiulles que aqueles que tanto din que son a voz da xente están desexando silenciar aos populares e que as mulleres e homes que confían no PP para mellorar as cousas queden na casa nas próximas eleccións. 

Neste senso, Feijóo fixo fincapé en que os populares teñen a obriga de explicarlles aos galegos que todo iso responde a un único interese: o da súa estratexia electoral. 

Con respecto a isto, o dirixente popular fixo fincapé en que ese discurso contra os populares ten máis caras nestes comicios que noutros. Así, hai quen apela ao voto do despiste, como se dera exactamente igual votar unha opción política que outra, e outros que apelan ao voto do esquecemento, como se fora posible esquecer en pouco máis de dous anos todo o dano económico e social que ocasionaron cando gobernaron. 

Así mesmo, tamén hai quen apela, segundo destacou Feijóo, ao voto do odio, porque aproveitarse do sufrimento da crise, esaxerar as eivas do sistema democrático para facerlle unha emenda á totalidade, e presentar como unánimes comportamentos que son moi minoritarios é sementar o odio.

Non obstante, como subliñou, a maioría dos cidadáns queren elixir con responsabilidade e queren vivir con estabilidade, polo que a eles cómpre lembrarlles cada día que teñen razóns para estar orgullosos do pasado, e dos logros dos españois no 78 e dos galegos no 81, e do que fixeron Manuel Fraga, José María Aznar e Adolfo Suárez cando gobernaron.

Do mesmo xeito, cómpre lembrarlles que deben estar orgullosos do presente, e de que España deixara de ser unha ameaza de rescate en Europa e pasara a ser un exemplo de recuperación, e de que Galicia fóra por diante nese camiño, preservara os seus servizos públicos e mantivera os indicadores económicos.

Así mesmo, considera que hai razóns para estar orgullosos do futuro e de que, en lugar de crerse perfectos, os populares sexan conscientes de que se cometen erros e de que sempre teñen que seguir mellorando. 

En resumo, Feijóo amosouse orgulloso do que os populares queren facer porque, fronte aos que din como algo malo que votar ao PP e votar continuísmo, el lembra que iso supón continuar en crecemento, co paro diminuíndo e mellorando os servizos públicos.


Nesta liña, destacou que hai partidos que só queren chegar ao poder para levar a cabo unha ruptura, pero a proposta dos populares é seguir traballando con rigor e responsabilidade para que Galicia e España sigan evolucionando.