GALICIA CUMPRIU DE NOVO O OBXECTIVO DE ESTABILIDADE EN 2014 E FOI A SEGUNDA COMUNIDADE CON MENOS DÉFICIT

Valeriano Martínez, titular de Facenda
  • O déficit de Galicia o pasado ano foi seis décimas menor que a media de comunidades 
  • Galicia mantense entre as autonomías de referencia no control do déficit e é a terceira comunidade onde menos medrou dende 2009  

  •  Galicia cumpriu de novo o obxectivo de estabilidade orzamentaria en 2014, ao non superar o límite do 1,0% fixado no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), segundo confirmou hoxe o Ministerio de Hacienda. Ademais, Galicia foi a cuarta comunidade autónoma –a segunda de réxime común- que rexistrou menos déficit durante o pasado exercicio.

O dato de avance de déficit de Galicia en 2014 é do 1,02%, polo que se cumpre o obxectivo do 1,0% fixado para todas as comunidades autónomas no CPFF e aprobado no Consejo de Ministros. Así, Galicia é unha das catro comunidades autónomas que cumpriu o obxectivo de estabilidade fixado para 2014, tal como manifestou hoxe o Ministerio de Hacienda.

Deste xeito, o déficit de Galicia neste 2014 foi máis de seis décimas inferior á media de comunidades autónomas (1,66%). O cumprimento do obxectivo de estabilidade por parte das comunidades autónomas ratificarase precisamente no Consejo de Política Fiscal y Financiera.


Os datos confirman tamén que Galicia se mantén entre as autonomías de referencia no control do déficit público. De feito, é a terceira comunidade autónoma onde menos aumentou o déficit dende o exercicio 2009.