Insiste Conselleira : "A XUNTA SEGUE A TRABALLAR CO MINISTERIO PARA CONSEGUIR UN AUMENTO NAS COTAS DA NOSA FROTA"

Juan Maneiro
O secretario xeral do Mar e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

A XUNTA SEGUE A TRABALLAR CO MINISTERIO PARA CONSEGUIR UN AUMENTO NAS COTAS DA NOSA FROTA 
  • O secretario xeral do Mar insiste en que a frota do cerco non está discriminada con respecto a outras do Estado no reparto de cota de xarda para este ano
  • Juan Maneiro advertiu que esta cota baixa de forma igual para todas as frotas e para todas as comunidades e lembrou que o reparto para o cerco faise de xeito individual para cada barco e non de xeito autonómico
  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro indicou que o orzamento destinado ás axudas para proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños foi de 3,2 millóns de euros no 2014  
A Xunta segue a traballar co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para conseguir un aumento nas cotas da nosa frota. Así o indicou o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, en resposta a unha pregunta sobre este tema na Comisión 8ª de Pesca de Marisqueo. O secretario xeral insistiu en que a frota galega do cerco non está discriminada con respecto a outras do Estado no reparto de cota de xarda para o 2015. Esta cota baixa de forma igual para todas as frotas e para todas as comunidades, explicou, e cabe lembrar que o reparto para o cerco faise de xeito individual para cada barco e non de xeito autonómico. 

Por isto, o secretario xeral advertiu que “non ten sentido negociar de novo este reparto por segmento de frota, cando a negociación foi conxunta”. Engadiu que o que negociou foi o sector, co apoio da Administración, e que “hai que asumir as negociacións” e non tentar cambiar as condicións a posteriori.

Juan Maneiro indicou que a cota inicial de España tense visto incrementada en 4.210 toneladas, grazas ao mecanismo de flexibilidade interanual, que permite pasar parte da cota de 2014 non pescada á cota correspondente a 2015.

Con isto, sinalou tamén o secretario xeral, “podemos dicir que se acumulan para este ano un total de 43.884 toneladas de xarda para España, co cal a baixa real con respecto ao ano pasado é de menos dun 6% sobre a cota final da que se dispuxo o ano pasado, e incluso é superior nun 50% á cota inicial dispoñible o ano pasado”.

Juan Maneiro dixo tamén que a orixe deste axuste hai que buscalo “nun elemento que nos está lastrando arredor do 22% da cota de cada ano, e que se chama sanción por sobrepesca”. Así, neste ano “teremos que devolver 9.847 toneladas sobre unha cota inicial de 39.674 toneladas”. Engadiu que “isto non o decide Madrid nin Santiago”, senón que a responsabilidade desta baixa hai que buscala “en gobernos anteriores e nas súas actuacións, cando menos pouco responsables”.

O secretario xeral engadiu que “o ano pasado para o cerco tivemos un 24,8% da cota fronte ao 21% que viñamos pescando nestes últimos anos, e os seus días de traballo aumentaron nun 175% con respecto a 2013 xa no mes de abril”. Con respecto ás artes menores, Juan Maneiro indicou que “temos para o 2015 un total de 2.651 toneladas, bastantes máis (un 65% máis) das 1.600 que pescou esta frota en 2013”.

Por todo o dito, o secretario xeral sinalou que “falar dun mal reparto da xarda soamente non sería xusto, xa que as especies obxectivo a repartir son moitas máis, e hai que analizar o reparto completo”, cualificando o reparto de “insuficiente, pero non negativo”. Así, dixo, “se temos en conta o xurelo temos asignadas o 44% do total das cotas das tres zonas, cun caso significativo do 97,9% da cota na zona Ixa (de Fisterra cara o sur), onde sube a cota un 70% sendo a zona onde máis pescamos en anos pasados, tampouco podemos dicir que é negativo”.

Proxectos colectivos
Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, indicou, en resposta a unha pregunta sobre o tema, que o orzamento destinado ás axudas para proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños foi de 3,2 millóns de euros na convocatoria de 2014. 

Susana Rodríguez indicou que estes instrumentos de apoio ao sector pesqueiro facilitan unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades. Engadiu que estas actuacións contribúen a unha explotación racional dos recursos, o que permite mellorar a súa xestión e conservación, ademais de contribuír á prevención e loita contra accións ilegais e á salvargarda do medio mariño e das súas especies.