O BNG denuncia a falta de funcionamento do ferry Caminha-A Guarda en Semana Santa


O BNG ve con preocupación a actual situación de parálise na que está o transbordador entre Caminha e A Guarda, máxime despois dos anuncios en prensa da posta en marcha do servizo para o período de vacacións de Semana Santa.
Para o BNG resulta escandaloso o silencio e a falta de alternativas do goberno municipal do PSOE, cando hai unhas semanas estábase anunciando nos medios de comunicación que o servizo do transbordador entre Caminha e a Guarda ía estar en funcionamento para Semana Santa.

O BNG esixe explicacións ao goberno municipal sobre cales son as iniciativas que están levando acabo para dar unha alternativa a actual situación de parálise, xa que nen sequera existe información axeitada na oficina de cobro de billetes sobre como pasar a Portugal. “Unha vez máis o comercio guardés ten que ver, a falta do servizo entre a Guarda e Caminha, como unha oportunidade perdida nunha vila que presume de turística” comentou Ángel Baz, candidato do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía da Guarda.

O BNG solicita unha solución definitiva
Dende a formación nacionalista lévanse anos presentando iniciativas para buscar unha solución definitiva e integrada desta comunicación fluvial na desembocadura do río Miño.
Para o BNG "levamos anos perdidos poñendo parches a un problema que demanda de políticas valentes, cun goberno municipal que afronte seriamente este problema. O actual grupo de goberno do PSOE tivo unha actitude pasiva, electoralista e submisa aos Gobernos centrais do PSOE e do PP, aceptando por bos uns dragados parciais antes dunhas eleccións que o BNG xa asegurou no seu momento que non eran suficientes. Hoxe, volvemos a estar no mesmo punto de partida, ou peor, neste momento a comunicación leva un ano interrompido sen que ninguén do goberno municipal do PSOE dese explicacións e ofrecese algunha alternativa á sociedade guardesa e aos seus representantes políticos", referiu o portavoz dos nacionalistas de A Guarda.