O PP muda o 55% dos seus candidatos nos concellos nos que non goberna

Rueda // 
"Medra a presenza de mulleres encabezando candidaturas respecto a 2011"

O PPdeG muda o 55% dos seus candidatos nos concellos nos que non goberna
  • Os populares teñen designados xa aos 314 candidatos ás 314 alcaldías de Galicia 
O coordinador de campaña do PPdeG, Alfonso Rueda, informou hoxe do remate do proceso de elección de candidatos ás 314 alcaldías de Galicia. Rueda apuntou que, fronte as dificultades do resto de partidos para encontrar persoas que representen ás súas siglas, as papeletas dos populares estarán presentes unha vez máis no cen por cen dos municipios galegos.

O tamén secretario xeral do partido trazou o perfil medio dos aspirantes populares: idade próxima aos 50 anos, cunha profesión liberal ou por conta propia, licenciado ou diplomado e varón. A presenza de mulleres encabezando unha lista medra en case catro puntos respecto a 2011, pasando de 37 a 45 e sendo preto dun 15% do total. 

No que respecta á renovación, a porcentaxe total é do 25% nos 314 concellos galegos, sendo do 55% se atendemos só aos municipios nos que o PPdeG non ten a responsabilidade de gobernar.

O dato é maior no que atinxe ás cidades, posto que os populares cambian de candidato en tres das catro urbes que non gobernan: Vigo, Ourense e Pontevedra, e pese a que nas tres foron a lista máis votada. 


Rueda precisou que o modelo de campaña debaterase no vindeiro Comité de dirección pero que non hai fórmulas máxicas. Por iso, os populares basearán a súa campaña en explicar o que fixeron estes catro anos e o que farán nos seguintes.