O titular da Xunta afirma que en 2016 o 70% galegos contarán na súa área de influencia cun centro sanitario novo ou reformado

FEIJÓO DESTACA QUE A FINAIS DE 2016 ESTARÁ REMATADA A AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DO SALNÉS, QUE MELLORARÁ A SÚA ATENCIÓN CIRÚRXICA, POSCIRÚRXICA E O SERVIZO DE URXENCIAS
  • Precisa que o hospital contará cun novo servizo de urxencias, que multiplica por catro a superficie actual e supón máis capacidade para a observación e atención dos pacientes
  • Renovarase o bloque cirúrxico con novos quirófanos e unha área de cirurxía maior ambulatoria e contará con dúas novas salas polivalentes para o servizo de Obstetricia, dúas Unidades de Tratamento, parto e recuperación, unha consulta e unha sala de reanimación de recén nacidos
  • Mellorarase tamén a atención posoperatoria cunha nova unidade de coidados poscirúrxicos e un novo hospital de día con 10 boxes
Hospital do Salnés
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a finais de 2016 estará rematada a ampliación do Hospital do Salnés, que mellorará a súa atención cirúrxica, poscirúrxica e o servizo de urxencias.

Durante unha visita as obras, Feijóo explicou máis polo miúdo que o hospital contará cun novo servizo de urxencias, que multiplica por catro a superficie actual e supón máis capacidade para a observación e atención dos pacientes; e disporá dunha zona específica para as urxencias pediátricas. Renovarase o bloque cirúrxico con novos quirófanos e unha área de cirurxía maior ambulatoria e contará con dúas novas salas polivalentes para o servizo de Obstetricia, dúas Unidades de Tratamento, parto e recuperación, unha consulta e unha sala de reanimación de recén nacidos. E mellorarase tamén a atención posoperatoria cunha nova unidade de coidados poscirúrxicos e un novo hospital de día con 10 boxes.

“Estamos, polo tanto, multiplicando por catro os servizos de maior utilización do hospital: o servizo de urxencias, de obstetricia e xinecoloxía, e o hospital de día”, precisou.

Feijóo aseverou que a Sanidade pública ao servizo do paciente é a máxima do Servizo galego de Saúde e garantiu o esforzo do Goberno galego na súa aposta pola mellora da calidade asistencial. E, neste liña, salientou que desde 2009 a Xunta leva investidos 2,5 millóns de euros na mellora do Hospital do Salnés: creando 32 novas prazas (celadores, matronas, enfermaría, técnicos de coidados de enfermaría e médicos); e renovando a telefonía e a televisión das habitacións para facer máis agradable e humana a estancia dos pacientes no centro.

Logo de salientar que estas obras de mellora compleméntanse co novo centro de saúde de Vilalonga, Feijóo destacou o comprimo e o traballo dos profesionais do Sergas que fixeron posible que desde 2009 ata o 2014, no Hospital do Salnés: a media dos días de espera para recibir atencións cirúrxicas pasase de 70 a 40 días; que os pacientes de prioridade 2 esperen a terceira parte do tempo ca en 2009, 23 días fronte aos 69 de entón; “e fixéronse case 300 intervencións máis nas mañás de 2014 ca nas de 2009”.

Feijóo concluíu a súa intervención incidindo en que a Estratexia Sergas 2010-2014 tiña como obxectivo blindar a Sanidade pública ante a crise económica e enviar unha mensaxe de que a Sanidade pública esta ao servizo do paciente.

Ao fío disto, referiuse á aprobación da Lei de Garantías Sanitarias, que supón máis dereitos para o paciente: “máis dereito para pedir unha segunda opinión médica; máis dereito para a elección de centro, de médico, de pediatra e de enfermaría e máis dereito para poder establecer límites máximos de espera por patoloxía”. Así como a posta en marcha da renovación tecnolóxica sanitaria do Sergas, por un valor de 88 millóns de euros.

Diante destas melloras tanto no eido da xestión, como no tecnolóxico e no das infraestruturas, o presidente da Xunta finalizou aseverando que o obxectivo é que en 2016 o 70% galegos contarán na súa área de influencia cun centro sanitario novo ou reformado.