“O VELLO E O MINOTAURO” GAÑA O PRIMEIRO PREMIO DE RELATO BREVE “NÉLIDA PIÑÓN”

“O VELLO E O MINOTAURO”, DA AUTORÍA DE JESÚS CASTRO YÁÑEZ, GAÑA O PRIMEIRO PREMIO DE RELATO BREVE “NÉLIDA PIÑÓN”  
  • O galardón é froito da colaboración conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Concello de Cotobade e Deputación de Pontevedra
  • Presentáronse 180 orixinais ao concurso, que busca promover a actividade literaria en galego ao tempo que se homenaxea á autora con raíces galegas
Nélida Pîñón
Jesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve “Nélida Piñón”, organizado grazas á colaboración conxunta entre Consellería de Cultura e Educación, Concello de Cotobade e Deputación de Pontevedra. A súa obra, “O vello e o Minotauro”, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer hoxe nunha rolda de prensa na que participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. “O vello e o Minotauro” é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con  Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga.

Un impulso á lingua na escrita e unha homenaxe
Convocado por primeira vez, o obxectivo deste galardón non só pasa por promover a creación literaria en galego no ámbito da narrativa breve, senón que tamén quere ser unha sentida homenaxe á autora brasileira con raíces galegas que lle da nome. Nélida Piñón garda vinculación familiar co municipio de Cotobade, que a nomeou filla adoptiva no ano 2005. 

Escritora de gran relevancia internacional, recibiu o premio Príncipe de Asturias no 2005, foi a primeira muller no mundo que presidiu unha academia da lingua (a Academia Brasileira das Letras) e resultou distinguida, entre outros fitos, como doutora honoris causa por diversas universidades, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela. O pasado 27 de setembro ingresou como membro de honra na Real Academia Galega.

Bases do certame
Ao certame podían concorrer as autoras e autores maiores de 18 anos con obras orixinais e inéditas escritas en galego, cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 15.  As obras chegaron ao Concello de Cotobade tanto por correo postal como por correo electrónico. En ambos casos debíase xuntar, por unha banda, a obra co título e o pseudónimo ou lenda escollida polo autor e, por outra, os datos persoais do concursante.


A propiedade intelectual da obra será do seu autor, se ben o galardoado dará o seu consentimento e autorización ao Concello e ao Goberno galego da cesión dos dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que as dúas administracións estimen convenientes. O premio está dotado con 6.000 euros.