Pontevedra : premian un programa de detección de personas en riesgo de diabetes

O SERGAS E O COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA, PREMIADOS POR CORREO FARMACÉUTICO POLO SEU PROGRAMA DE DETECCIÓN DE PERSOAS EN RISCO DE PADECER DIABETE
  • Un total de 4.222 persoas participaron durante dous meses o ano pasado no programa piloto nas oficinas de farmacia desta provincia
  • Correo Farmacéutico elixiu o proxecto como unha das Mellores Iniciativas da Farmacia do ano 2014 pola súa aportación e axuda a mellorar a atención ao paciente 
 O Servizo Galego de Saúde e o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra veñen de recibir un premio de Correo Farmacéutico polo seu programa piloto para a detección de persoas en risco de padecer diabete ou alteracións do metabolismo dos hidratos de carbono. 

O proxecto galego foi recoñecido pola publicación Correo Farmacéutico como unha das Mellores Iniciativas da Farmacia do ano 2014 no apartado de Atención Farmacéutica e Educación Sanitaria pola súa aportación a mellorar o mundo da farmacia e a saúde.

Esta iniciativa, que se desenvolveu por primeira vez en España, realizouse entre setembro e novembro de 2014 en oficinas de farmacia da provincia de Pontevedra e nela participaron un total de 4.222 persoas. O programa naceu co obxectivo de facilitar, mediante unha abordaxe colaborativa e multidisciplinar, a detección da diabete de forma precoz, reducindo así a gravidade desta patoloxía –ademais das futuras complicacións e ingresos hospitalarios asociados a ela-, e permitir á vez promover estilos de vida saudables que modifiquen o estado de risco alto ou retrasen a aparición da enfermidade.

Aos participantes no programa se lles propuxo na súa visita ás farmacias a realización dun Test de Findrisk, cuestionario validado internacionalmente que consta de oito preguntas con puntuacións predeterminadas nas que se estima a probabilidade de desenvolver diabete tipo 2 nos próximos dez anos.

Neste test, no caso de que a puntuación indique risco alto, realízase no propio establecemento unha glicemia basal capilar, é dicir, unha análise que se realiza pinchando un dos dedos e extraendo unha pinga de sangue. Se os resultados desta análise confirman os do test, derívase á persoa ao seu centro de saúde onde se continúa coa actuación sanitaria axeitada a cada paciente. Ademais, a iniciativa inclúe tamén un programa educativo para os cidadáns que, sen precisar ser derivados ao centro de saúde, amosen un risco elevado de desenvolver a enfermidade. Todo o programa foi deseñado conxuntamente por persoal de enfermería de atención primaria, médicos de atención primaria, endocrinólogos, persoal de enfermería, de endocrinoloxía e farmacéuticos comunitarios.
 O programa piloto atópase neste momento en fase de avaliación de resultados e estudarase a súa extensión ao resto da comunidade autónoma. Esta iniciativa conta co aval científico da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), a Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición e a Sociedade Española de Medicina de Atención Primaria (Semergen).


En España calcúlase que polo menos o 30% da poboación sufre algún tipo de alteración do metabolismo dos hidratos de carbono, e a prevalencia global da diabete é do 13,8%. Destes doentes, aproximadamente a metade descoñecen que teñen esta patoloxía. En Galicia, a diabete ocupa o sexto lugar como causa de mortalidade e a cuarta como causa de morbilidade crónica en Atención Primaria, polo que está incluída dentro das oito patoloxías destacadas no Plan de Prioridades Sanitarias.