31/3/15

Programa piloto basado en las TIC para prevención y detección del deterioro cognitivo

BENESTAR PORÁ EN MARCHA UN PROGRAMA PILOTO BASEADO NAS TIC PARA A PREVENCIÓN E DETECCIÓN DE SITUACIÓNS DE DETERIORO COGNITIVO 
  • A Consellería de Traballo e Benestar licita no Diario Oficial de Galicia (DOG) este servizo que de maneira piloto desenvolverase como mínimo en 10 domicilios nos que residan persoas maiores 
  • Empregarase como ferramenta o propio televisor do usuario que se conectará á plataforma HTPC 
  • Entre os servizos que se ofertarán destacan o acceso a xogos que permiten a detección do deterioro da memoria ou a programación de actividades e notificación de eventos para os maiores 
  • A iniciativa forma parte da Estratexia para a Prevención e Detección Precoz da Dependencia horizonte 2020, unha folla de ruta da Xunta, de carácter transversal, aprobada no ano 2013
A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha un programa piloto baseado na tecnoloxía Home Theatre Personal Computer (HTPC)- Computadora Persoal de Cine en Casa para a prevención e detección de situacións de deterioro cognitivo en persoas maiores. Trátase dun proxecto baseado nas Tecnoloxía de Información e Comunicación (TIC) para ofrecer entretemento multimedia, neste caso concreto, a través de mensaxes na televisión. 

O departamento autonómico publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación deste servizo que se levará a cabo de forma piloto entre como mínimo 10 domicilios con persoas maiores nun ou varios concellos galegos. Trátase, polo tanto, de levar a cabo unha análise de viabilidade da prevención e detección de situacións de deterioro cognitivo empregando este tipo de tecnoloxías. O obxectivo é, por un lado, a detección precoz de posibles síntomas ou estilo de vida que deriven nun posible deterioro cognitivo e físico e, doutra banda, ofrecer servizos de prevención e de promoción dun envellecemento activo. 

A Consellería de Traballo e Benestar investirá 50.000 euros na contratación deste programa piloto, tal e como se recolle hoxe no anuncio publicado no DOG, que de ter bos resultados estenderase a toda Galicia. 

A experiencia piloto, polo tanto, consistirá no desenvolvemento dun sistema para axudar ás persoas maiores e dependentes á conservar a súa autonomía persoal no seu propio fogar. Para acadar este obxectivo,  empregarase como ferramenta o propio televisor do usuario ó cal se conecta á plataforma Home Theatre PC (HTPC). A instalación resulta moi sinxela e non require obras, tan só consiste na conexión da plataforma á televisión, a corrente eléctrica e a internet (por cable ou wifi).

Esta plataforma tecnolóxica permitirá aos usuarios o acceso a xogos que permitan a prevención e detección do deterioro de capacidades cognitivas nos ámbitos da memoria, atención e funcións executivas; un servizo de monitorización do uso dos xogos anteriormente mencionados para obter a detección automática de situacións de potenciais riscos de deterioro; a programación de actividades e notificacións de eventos para persoas maiores; o acceso a sistemas de avaliación neurolóxica a través da TV e a contidos audiovisuais sobre prevención e detección do deterioro cognitivo; ou servizos de asesoramento e consellos para a promoción do envellecemento activo e evitar a agravamento de situacións de deterioro cognitivo leve. 

Prevención da dependencia 
Esta iniciativa forma parte da Estratexia para a Prevención e Detección Precoz da Dependencia en Galicia, horizonte 2020 que está a desenvolver o departamento autonómico e que foi aprobada no ano 2013. Esta folla de ruta, de carácter transversal, prevé alongar a autonomía persoal dos galegos e galegas. Ademais, este documento converte a Galicia en pioneira á hora de establecer unha guía de actuación nesta materia. Entre as actuacións máis destacadas incluídas na estratexia, cabe salientar, entre outras, o impulso da coordinación sociosanitaria. Neste eido, cabe lembrar que xa se están desenvolvendo o Plan marco de coordinación ou a estratexia de cronicidade. 


As novas tecnoloxías, como a actuación piloto que se prevé realizar nos próximos meses, centran tamén gran parte das propostas. Trátase de continuar na liña xa comezada a través dos proxectos de teleasistencia avanzada como Miavizor, SAM-TV (teleasistencia a través de televisión), ou a telexerontoloxía.