21/3/15

QUEIMAS AGRÍCOLAS E FORESTAIS CONTINÚAN TERMINANTEMENTE PROHIBIDAS

A XUNTA LEMBRA QUE AS QUEIMAS AGRÍCOLAS E FORESTAIS CONTINÚAN TERMINANTEMENTE PROHIBIDAS BAIXO RISCO DE SANCIÓN

As condicións meteorolóxicas obrigan a anular todos os permisos e a non expedir novas autorizacións ata novo aviso

Policía investiga los orígenes del fuego de este
viernes y sábado en la parroquia de Meira (O Morrazo)
A Consellería do Medio Rural e o Mar lembra que continúa a estar terminantemente prohibido realizar queimas agrícolas e forestais. Esta actividade está anulada ata novo aviso, tendo en conta as condicións actuais de vento e as previsións para os vindeiros días. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, é dicir, as comunicacións e autorizacións de queima emitidos con anterioridade carecen de validez. Aqueles que sexan identificados levando a cabo esta actividade expóñense a unha posible sanción económica.

A decisión tomouse o pasado xoves 19 de marzo, tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural e do Mar pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento.