“San Francisco e o seu tempo” nos lleva esta Semana Santa al Pazo de Xelmírez

Desde o venres, 27 de marzo, unha nova exposición enmarcada na conmemoración do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela abre as súas portas no Pazo de Xelmírez. Trátase da exposición “San Francisco e o seu tempo”, unha mostra organizada por Turismo de Galicia que reúne unha escolma de arte dos séculos XIII e XIV.
Dita exposición ilustra a vida de San Francisco e os inicios da orde franciscana nun achegamento ao século XIII no que se desenvolve e ubica o principal expoñente da arquitectura gótica civil en Galicia.
Os contidos da mostra, expresados a través da escultura, pintura, restos arquitectónicos, documentos e ourivería dos séculos XIII e XIV, dialogan cos espazos do Pazo de Xelmírez integrándose así o espazo expositivo como unha peza máis desta exposición.
A mostra conta con grandes pezas da cultura occidental chegadas desde Italia, Francia, Portugal, Castela e León, e Galicia: pintura mural, pintura sobre táboa, escultura en granito, pedra calcaria e madeira policromada, ourivería, documentos, manuscritos medievais, etc.
Deste xeito, este gran proxecto expositivo constitúe un gran esforzo para amosar o espírito franciscano en harmonía co xacobeo, a lembranza de San Francisco e os seus irmáns no Camiño de Santiago, e a evocación da ruta de peregrinación a Compostela na Baixa Idade Media, no tempo do santo de Asís.
“San Francisco e o seu tempo” converterá así a Santiago de Compostela, unha vez máis, no epicentro artístico e cultural.
A arca-relicario dos Mártires de Marrocos
A arca-relicario dos Mártires de Marrocos é unha das pezas máis significativas da exposición "San Francisco e o seu Tempo". Procedente do Mosteiro de Santa María de Lorvâo, consérvase dende a desamortización no Museo Nacional Machado de Castro.
A peza goza da máxima consideración do Estado portugués, polo que está considerada Patrimonio Nacional.
Esta arca, que constitúe un exemplo de escultura tumular, abre o capítulo da escultura gótica, constituíndo o mais antigo documento iconográfico que testemuña o culto aos cinco mártires franciscanos.
______________________________________


O presidente da Xunta realizou un percorrido pola mostra, no Pazo de Xelmírez

FEIJÓO REFÍRESE Á EXPOSICIÓN SAN FRANCISCO E O SEU TEMPO COMO UNHA PROBA DE QUE “SOMOS UN POBO CUNHAS RAÍCES FONDAS NA HISTORIA, QUE SE ENTRELAZAN COAS DOS POBOS MÁIS ANTIGOS DE EUROPA”
  • Asevera que a mostra, o pazo onde se atopa, así como a praza do Obradoiro e a catedral de Santiago, dan fe da grandeza da Galicia do pasado, e dunha vocación da que somos herdeiros: a vocación universalista, “a vocación –di- que levou a San Francisco a iniciar a súa peregrinación desde as terras de Italia”
  • Afirma que presente e pasado se entrecruzan nesta exposición, ao igual que sucede co Pazo de Xelmírez, tan importante en toda a historia xacobea
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse  á exposición San Francisco e o seu Tempo como unha proba de que “somos un pobo cunhas raíces fondas na historia, que se entrelazan coas dos pobos máis antigos de Europa”. “Somos un dos berces de Europa, o berce máis espiritual , q en definitiva é o berce máis duradeiro. Así se nos vía hai oitocentos anos, e así se nos segue vendo no século XXI”, aseverou.

Tras un percorrido pola mostra, no Pazo de Xelmírez, Feijóo afirmou que a exposición, o pazo onde se atopa, así como a praza do Obradoiro e a catedral de Santiago, dan fe da grandeza da Galicia do pasado, e dunha vocación da que somos herdeiros: a vocación universalista, “a vocación –subliñou- que levou a San Francisco a iniciar a súa peregrinación desde as terras de Italia”.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta salientou que o santo que peregrinou a Compostela hai oitocentos anos ten a virtude de ser unha figura que atravesa as épocas, para facerse presente en todas elas. “As ideas que presenta ou suscita non teñen data de caducidade”, sentenciou, ao que engadiu que provocaron a emoción dos homes e mulleres do século XIII, e obrigan tamén a reflexionar os do século XXI. 

“Poucos persoeiros da historia teñen a virtude de transcender as súas circunstancias temporais para ser capaces de dialogar co futuro”, abundou. E, nesta liña subliñou que nun dos apartados desta mostra, que ten como epígrafe ‘A irmá terra nai’, atopamos a un adiantado das preocupacións ambientais dos nosos días: “A consideración da natureza non como unha ferramenta, senón como algo consubstancial co ser humano, é unha herdanza tipicamente franciscana que despois será asumida por diferentes correntes ideolóxicas. O que no mundo de San Francisco foi unha intuición, oito séculos máis tarde é unha necesidade”, explicou.

Así mesmo, afirmou que a mensaxe que nos chega a través de San Francisco é o dunha relixión humanista, capaz de entenderse con outras crenzas que tamén sitúan o home no centro das súas preocupacións. 

O responsable autonómico concluíu aseverando que presente e pasado se entrecruzan nesta exposición, ao igual que sucede co Pazo de Xelmírez, tan importante en toda a historia xacobea. “Foi aquí onde o diálogo multisecular dos galegos, se transformou en autogoberno. Aquí, o noso país pasou a formar parte do privilexiado grupo de pobos libres, dotados de voz institucional para expresarse”.

Sobre a mostra
A exposición conta con grandes pezas da cultura occidental dos séculos XIII-XV, chegadas desde Italia, Francia, Portugal, Castela e León, e Galicia: pintura mural, pintura sobre táboa, escultura en granito, pedra calcaria e madeira policromada, ourivería, documentos, manuscritos medievais…que amosan o espírito franciscano en harmonía co xacobeo.

A exposición trata de explicar o contexto histórico-cultural no que se desenvolve a época de San Francisco e das primeiras xeracións franciscanas, evocando unha viaxe no tempo e no espazo. 

Comeza esta viaxe nas portas da cidade de Asís, en concreto na porta de Santiago, e continúa polas portas das catedrais da ruta xacobea, espazos sacros do Camiño. Ten un pequeno alto meditativo nunha necrópole, nun breve encontro coa “Irmá Nai Terra” de San Francisco, antes de seguir cara á un albergue, hospital ou mosteiro.

A evocación do camiño de peregrinación entre Roma e Santiago conforma a seguinte parte da exposición; un camiño con estímulos como as reliquias, tesouros de espiritualidade, a devoción mariana e os conventos franciscanos da ruta compostelá, evocados a través de pezas relevantes procedentes da catedral gótica de Bourges, do convento compostelán e do convento de Lorvão, en Coimbra, onde se atopan as reliquias dos mártires de Marrocos, franciscanos enviados por San Francisco a predicar ao norte de África.


A mostra remata nun encontro con San Francisco e o seu legado, cos valores humanos e espirituais do santo e dos seus freires.