Xestur continúa con su revolución de precios y alquileres de suelo industrial

A adxudicación directa é posible despois da celebración do concurso público, coas mesmas condicións e prezos establecidos no prego de bases  do concurso 

XESTUR ADXUDICA 32.000 METROS CADRADOS DE SOLO EMPRESARIAL SOLICITADOS DESPOIS DO REMATE DO CONCURSO PÚBLICO DE VENDA
  • O consello de administración tamén autorizou o pago de xustiprezos por expropiacións na Reigosa (Ponte Caldelas), As Gándaras (Lugo) e Landrove (Viveiro) por importe total de preto de 3,5 millóns de euros
  • O prezo do alugueiro das vivendas propiedade da sociedade en Argüelles (Ferrol) redúcese a un máximo de 130 euros mensuais
 O interese dos empresarios galegos polo solo empresarial bonificado posto á venda pola empresa pública Xestur continúa vivo despois do remate do concurso de venda, como demostra o feito de que o consello de administración da sociedade acordase a adxudicación directa de vinte e catro novas parcelas, cunha superficie total de máis de 32.000 metros cadrados e un prezo de venda, xa aplicadas as bonificacións, de preto de 1,3 millóns de euros.

As parcelas polas que se interesaron os empresarios atópanse nos parques empresariais de Barreiros, As Gándaras (Lugo), Carballo, Arzúa e Xinzo de Limia. A adxudicación directa é posible despois da celebración do concurso público de venda, pero sempre coas mesmas condicións e prezos establecidos no prego de bases que rexeu o concurso.

Por outra parte, o concurso de venda nos parque empresariais de Morás (Arteixo), A Sionlla (Santiago de Compostela), A Reigosa (Ponte Caldelas) e A Veigadaña (Mos), coa aplicación de bonificacións do 30 por cento está aínda en período hábil para a presentación de ofertas, período que rematará o próximo seis de abril.

No concurso rematado a finais de febreiro adxudicáronse preto de 190.000 metros cadrados de solo en parque emprazados en toda Galicia. 

Pago de xustiprezos
O consello de administración de Xestur tamén autorizou o pago, no próximo mes de abril, de preto de 1,5 millóns de euros correspondentes aos xustiprezos fixados na expropiación de terreos para o parque empresarial da Reigosa, en Ponte Caldelas, e outros 200.000 euros, tamén de xustiprezos, do parque empresarial de Landrove, en Viveiro, que afectan a 24 fincas expropiadas. Asemade, acordouse o pago de xustiprezos a expropiados do parque empresarial das Gándaras (Lugo) por importe de preto de 1,8 millóns de euros, que afectan a 83 fincas expropiadas.

Os pagos realizaranse a través de transferencia bancaria ou cheques a favor dos titulares dos bens e dereitos expropiados.

Rebaixa de alugueiros
Na reunión de hoxe tamén se autorizou a rebaixa do prezo do alugueiro nas vivendas libres das que a empresa pública é propietaria no barrio de Argüelles, en Ferrol. O prezo do alugueiro rebáixase a un máximo de 130 euros mensuais.

A promoción conta con doce vivendas e dous locais, cunha superficie útil total de 790,20 m2 (724 de vivendas e 66,20 dos locais). Na actualidade atópanse ocupadas cinco vivendas. 

As superficies das vivendas van dende os 49 m2 ata os 69 m2