27/3/15

Xunta anuncia un acordo de colaboración coa Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia – ATIGA para “fortalecer o labor dos centros tecnolóxicos como principais axentes dinamizadores da innovación”

CONDE SALIENTA QUE A ALIANZA DOS CENTROS TECNOLÓXICOS GALEGOS EN ATIGA IMPULSARÁ GRANDES PROXECTOS CONSORCIADOS E A CAPTACIÓN DE FONDOS EUROPEOS
  • O conselleiro d
    e Economía e Industria anuncia un acordo de colaboración coa Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia – ATIGA para “fortalecer o labor dos centros tecnolóxicos como principais axentes dinamizadores da innovación”
  • Destaca que a alianza de Anfaco-Cecopesca, Aimen, CTAG, Gradiant, Energylab e ITG non so permite a suma das súas capacidades, senón que é unha ferramenta clave para o conxunto da innovación galega e para o crecemento económico
  • O consorcio colabora nestes momentos con 1600 empresas, tendo capacidade para captar 76 millóns de euros no anterior Programa Marco da Unión Europea, que se verán incrementados no Programa Marco 2020
  • Resalta que nos últimos 6 anos a Xunta ten destinado xa máis de 80 millóns aos seis centros tecnolóxicos de Atiga, co obxectivo de promover a transferencia de coñecemento ao mercado 
  • Subliña a aposta da Xunta pola cooperación entre centros tecnolóxicos e empresas con programas como o Conecta Pemes e o Innterconecta, ou coas Unidades Mixtas de Innovación, que mobilizarán 50 millóns 
  • Sinala a capacidade do consorcio para colaborar no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0, contribuíndo á modernización do tecido industrial a través da innovación
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a importancia da alianza dos centros tecnolóxicos galegos de cara a impulsar grandes proxectos consorciados e a captación de fondos europeos. Neste sentido, durante a presentación dun acordo de colaboración do Goberno galego coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia – ATIGA, Conde subliñou que este compromiso permitirá incrementar a participación conxunta dos centros tecnolóxicos de Atiga en grandes proxectos consorciados de I+D+i, propiciando maiores oportunidades no mercado internacional. Ademais, incidiu, esa mesma cooperación facilitará “a captación de fondos destinados a iniciativas multisectoriais de alto impacto, atendendo de modo especial ao programa europeo Horizonte 2020”.  

Deste xeito, explicou o conselleiro, o consorcio, no que participan Anfaco-Cecopesca, Aimen, CTAG, Gradiant, Energylab e ITG colabora nestes momentos con 1600 empresas, tendo capacidade para captar 76 millóns de euros no anterior Programa Marco da Unión Europea, que se verán incrementados no Programa Marco 2020. “Atiga fortalece o labor dos centros tecnolóxicos como principais axentes dinamizadores da innovación, multiplicando as súas potencialidades para, a través da innovación, fixar tecido industrial en Galicia e que as nosas empresas poidan crear emprego de calidade”, subliñou Conde.  

Neste sentido, o conselleiro sinalou que o consorcio, que emprega a 814 persoas, un 30% máis que en 2009, ofrece soporte científico aos sectores estratéxicos da economía galega, reunindo as condicións necesarias para facilitar a atracción e captación de investimentos; actuando como referencia tecnolóxica do tecido produtivo galego, especialmente das pemes; e impulsando a súa internacionalización.
“ATIGA, os seus centros de coñecemento, desempeñan un importantísimo traballo conxunto co tecido produtivo, cunha escoita permanente das súas necesidades, e cunha actitude proactiva de xeración de coñecemento”, destacou Conde. Este esforzo, salientou, é o que lle valeu aos 6 centros que integran a alianza a súa condición de centros tecnolóxicos consolidados a nivel estatal.  

Neste contexto, o titular de Economía e Industria salientou que o acordo presentado hoxe non fai senón reforzar o traballo da Xunta para que Galicia conte con “centros tecnolóxicos fortes e excelentes”, capaces de responder de maneira competitiva ás necesidades do tecido empresarial e, en consecuencia, xerar un impacto positivo na economía galega. 

Este esforzo ten permitido, nos últimos 6 anos, destinar máis de 80 millóns aos seis centros tecnolóxicos de Atiga, co obxectivo de promover a transferencia de coñecemento ao mercado. Unha aposta que, segundo explicou Conde, está a permitir tamén incentivar a colaboración entre empresas e centros de coñecemento e a súa transferencia ao mercado, a través dos programas Conecta Pemes e Innterconecta, que mobilizan 260 millóns; ou promover Unidades mixtas de investigación nas que participan grandes empresas e institucións, e que mobilizarán 50 millóns de euros en Galicia. 

Atiga e a Industria 4.0
“Estamos, pois, a traballar na procura de centros tecnolóxicos capaces de impulsar a innovación empresarial nos principais sectores da nosa economía, o que converte a estes centros en axentes clave no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0”, indicou o Conselleiro.  

Atiga conta coa capacidade de ofrecer soporte científico-tecnolóxico á maioría dos sectores estratéxicos da economía galega, explicou Conde, polo que está chamada a xogar un papel clave no desenvolvemento dunha Axenda que ten unha clara orientación sectorial. Neste sentido, con esta Axenda a Xunta aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, apostando polo equilibrio entre o reforzo dos sectores tradicionais e o impulso dos emerxentes así como pola diversificación de produtos. Facilitarase ademais a hibridación multisectorial, que supón a interconexión de sectores distintos na procura de aproveitar as sinerxías entre eles para mellorar a súa competitividade no mercado global.

“Neste escenario, a cooperación entre os centros tecnolóxicos de ATIGA, e de estes coa administración, permitirannos impulsar iniciativas conxuntas para o desenvolvemento da Industria 4.0”, subliñou Conde.