29/4/15

A XUNTA ACHEGOU AO SECTOR FORESTAL GALEGO UN TOTAL DE 170 MILLÓNS DE EUROS DESDE 2009

A conselleira do Medio Rural e do Mar respondeu unha interpelación sobre este tema no pleno do Parlamento
  • Ademais, o Goberno galego promoveu unha normativa máis acaída e actualizada para este eido produtivo, que ten como referente fundamental a Lei de Montes de Galicia
  • Rosa Quintana advertiu que a Xunta sempre tivo en conta aos axentes do sector e citou como exemplo o desenvolvemento das normas forestais máis recentes, “ás que presentaron varias alegacións que finalmente foron tidas en conta”
A Xunta estivo sempre ao carón do sector forestal galego, promovendo unha normativa máis acaída e actualizada e achegando 170 millóns de euros desde 2009 para apoiar este eido produtivo. Así o indicou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, en resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento. A conselleira puntualizou que con estas políticas o Goberno galego apoiou este sector tanto na súa rama produtiva como no que atinxe á transformación e comercialización.

Rosa Quintana explicou tamén que todas estas iniciativas teñen dúas premisas. Por un lado, a titularidade do monte e por outro a necesidade de diversificación dos usos. Así, en relación coa primeira, lembrou que o 98% do monte galego é privado e sobre a segunda advertiu que existen outros usos diferentes da produción madeireira que, “sen chegar ao volume socioeconómico, si teñen importancia e, sobre todo, moito futuro e potencial”, sinalou a conselleira.

A titular de Medio Rural e Mar dixo ademais que para ter en conta ambas premisas –propiedade do monte e diversificación de usos– contémplanse sempre as opinións e achegas que se fan desde o Consello Forestal e a Mesa da Madeira, onde, engadiu, “están representadas bastantes máis asociacións e entidades vinculadas ao monte que as que teñen manifestado a súa disconformidade” coa Xunta.

Por iso a conselleira negou as críticas feitas recentemente polo presidente dunha destas asociacións, “e sobre todo unha, a do ninguneo”, xa que nos últimos tempos mantivéronse máis dunha ducia de xuntanzas e encontros con entidades e asociacións vinculadas ao monte, “entre elas cinco nas que estaba Confemadera”.

A conselleira defendeu tamén a xestión do Goberno galego en materias coma os permisos de cortas ou a existencia de pragas. En relación co primeiro aspecto, destacou que a Xunta funciona como Portelo único, tramitando todas as solicitudes cando se trata da aprobación do instrumento de xestión do monte, feito que simplifica os trámites. No tinxinte ao problema das pragas coma o nematodo, indicou que “é unha mágoa que vostedes o descubran agora e non en decembro, cando votaron en contra de aumentar nun 72% a contía dos fondos destinados á loita contra pragas e enfermidades forestais para este ano”.

Sobre as relacións cos axentes do sector forestal, Rosa Quintana advertiu que a Xunta sempre os tivo en conta, e citou como exemplo o desenvolvemento das normas forestais máis recentes (Lei de Montes, decreto de aproveitamentos ou decreto de ordenación e xestión de montes), “ás que presentaron varias alegacións que finalmente foron tidas en conta”.

De cara ao futuro, engadiu a conselleira, “temos previsto seguir tendo en conta as opinións do sector, comezando pola revisión do Plan Forestal de Galicia, no que xa hai constituído un grupo de traballo para propor as directrices de revisión deste documento”.


Ademais, indicou que se manteñen xuntanzas periódicas con representantes sectoriais, para analizar e mellorar os problemas que xorden na súa actividade profesional e nos que a Consellería ten incidencia, como son as tramitacións dos expedientes de ordenacións forestais ou autorizacións de cortas de árbores, dos que anualmente tramítanse máis de 100.000. Insistiu a conselleira en que as organizacións do sector están representadas no Consello Forestal de Galicia e na Mesa da Madeira, achegando un total de 46 vogais a ambos foros.