A XUNTA RECIBIRÁ POR VÍA TELEMÁTICA A INFORMACIÓN PROCEDENTE DOS REXISTROS DA PROPIEDADE DE GALICIA

A conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, e o decano do Colexio dos Rexistradores da Propiedade de Galicia, Hermes Rego, asinaron o acordo para o establecemento do procedemento electrónico
  • O Colexio de Rexistradores da Propiedade de Galicia pon en marcha un portal web que permite o envío de datos dende as aplicacións de xestión rexistral, así como a súa consulta parte de persoal autorizado da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
  • Distintas normas obrigan aos Rexistradores da Propiedade a poñer no coñecemento da Administración autonómica unha serie de datos en materia de urbanismo, medio ambiente ou defensa do patrimonio forestal
  • Este sistema de información terá unha vixencia de tres anos dende a súa sinatura, prorrogables automaticamente por outros tres anos
A Xunta de Galicia e o Colexio dos Rexistradores da Propiedade de Galicia asinaron un convenio para o establecemento dun marco que permite facer efectiva en formato electrónico a obriga dos rexistradores de comunicar datos e documentos de xestión rexistral, segundo indica a Lei estatal do Solo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o decano do Colexio dos Rexistradores da Propiedade e Mercantís da Comunidade de Galicia, Hermes Rego Valcárcel, firmaron hoxe o acordo para o establecemento do procedemento electrónico.

Unha vez asinado este acordo, o procedemento permitirá que os datos sexan remitidos a través dun portal web posto a disposición polo Colexio de Rexistradores. Isto posibilitará a remisión automatizada de datos dende as aplicacións de xestión rexistral e a consulta por parte de persoal autorizado da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

O acceso á información por parte da APLU será gratuíta, restrinxida e delimitada ao conxunto de Rexistros da súa área de competencia.

Este sistema de información terá unha vixencia de tres anos dende a súa sinatura, prorrogables automaticamente por outros tres anos.

Distintas normas obrigan aos Rexistradores da Propiedade a poñer no coñecemento da Administración Autonómica, unha serie de datos en materia de urbanismo, medio ambiente, defensa do patrimonio forestal, etc., que co tempo foron incrementando, co consecuente aumento da documentación en formato papel nos distintos departamentos implicados.

O Colexio de Rexistradores da Propiedade de Galicia poderá enviar á Administración autonómica por vía telemática información relativa a operacións de división ou segregación, obra nova en construción, obra nova terminada, reparcelación ou conxunto inmobiliario.


A recepción de datos en soporte electrónico permitirá á Administración autonómica obter e xestionar información gráfica e alfanumérica en materias como o urbanismo, o territorio ou o medio ambiente, así como habilitar medios electrónicos que permitan unha doada comunicación e arquivo, dotando de eficiencia a estes procedementos.