21/4/15

ABREN O PRAZO DE INSCRICIÓN DO PROGRAMA DE VOLUNTARIADO AMBIENTAL NAS ILLAS ATLÁNTICAS

PODERÁN PARTICIPAR 380 PERSOAS
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, explicaron hoxe en Santiago as características desta iniciativa
  • Os participantes executarán 2.000 xornadas de acción voluntaria nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada 
  • Poderán tomar parte maiores de 16 anos, se ben os menores de idade deberán contar con autorización dos pais, e as inscricións xa se poden facer a través da plataforma voluntariadogalego.org
  • Os participantes recibirán ao remate do programa un certificado acreditativo da acción que desenvolvan 
A Xunta vén de abrir hoxe o prazo de inscrición para o programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas no que poderán participar un total de 376 voluntarios e voluntarias maiores de 16 anos, aínda que os menores de idade só poderán tomar parte coa autorización dos pais. Os participantes executarán 2.000 xornadas de acción voluntaria nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. 

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, presentaron hoxe en Santiago as características desta iniciativa que permite canalizar, a través do voluntariado, a participación activa dos cidadáns no coñecemento e conservación do medio ambiente natural, así como axudar nas tarefas de recuperación dos ecosistemas dos arquipélagos das Illas Atlánticas. As inscricións xa se poden facer a través da plataforma voluntariadogalego.org. 

Segundo explicou Rodeiro, os voluntarios e voluntarias terán cuberta a manutención, o aloxamento, o material necesario para a actividade e contarán cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil e, ademais, ao finalizar a actividade obterán un certificado acreditativo da acción voluntaria que realicen, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. 

Pola súa banda, a directora xeral de Conservación destacou que a través do voluntariado bríndase a oportunidade de xuntar a participación activa da sociedade no coidado e na conservación deste auténtico refuxio da biodiversidade, ao tempo que permite aos voluntarios gozar do parque e dos seus valores.

Catro accións diferentes
O programa de voluntariado ambiental conta nesta edición con catro accións diferentes. 

No mes de maio, a illa de Ons contará con grupos de 6 persoas voluntarias en quendas de 5 días, de luns a venres. 

En xuño, xullo e agosto, as illas de Sálvora e Cortegada terán grupos de 8 voluntarios en xornadas diarias, sen pernoctar. Os martes sairán do porto de Carril cara a Cortegada ás 12,00 horas, regresando ás 19,00 horas. E os xoves, a actividade terá lugar en Sálvora, entre as 10,00 e 18,00 horas, con saída desde Aguiño. 

As accións que realizarán en Ons, Sálvora e Cortegada centraranse especialmente na colaboración cos técnicos do propio Parque Nacional en tarefas de oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade. Entre outras labores, poderán cooperar na erradicación de especies alóctonas, en apoio ás tarefas de guías e información, na adecuación de sinais indicativas, na reforestación con especies autóctonas ou na limpeza de praias e sistemas dunais. 

Nas illas Cíes  desenvolveranse dous tipos de accións nos meses de xullo e agosto. Na primeira, o obxectivo principal, tal e como explicou Rodeiro, é dar apoio ás persoas con diversidade funcional que visitan a illa, ofrecéndolles acompañamento tanto nas visitas guiadas a lugares de interese, como nos momentos de ocio. Esta actividade terá lugar en quendas de 7 días, de mércores a mércores, e poderán participar tres voluntarios por quenda. 

A segunda das accións das Cíes é un campo de traballo que contará con catro quendas de 12 días de duración cada unha. Poderán participar 120 voluntarios de entre 18 e 30 anos de diferentes nacionalidades, xa que é unha actividade de carácter internacional. A actividade a desenvolver será ambiental e consistirá en labores de mantemento da illa, vixilancia de incendios, traballos de información e sensibilización aos visitantes e intervencións puntuais de mellora no parque. 

Segundo indicou Verónica Tellado, as actividades previstas contribuirán polo tanto a producir un impacto social e ambiental positivo, onde todos os participantes co seu traballo fanse responsables da mellora da contorna do parque.

Actividades de formación
Ademais, Rodeiro explicou que o programa inclúe tamén tres accións formativas. A primeira delas xa se celebrou do 19 de marzo ao 20 de abril e os 412 voluntarios que fixeron o curso puideron coñecer a problemática ecolóxica xerada polas plantas invasoras en ecosistemas sensibles como os das illas do Parque Nacional. 

O segundo curso está destinado a coñecer os beneficios que teñen as actividades de voluntariado ambiental para aquelas persoas con dificultades sensoriais, motoras ou mentais. Esta acción terá lugar no mes de maio e xa conta con 442 voluntarios e voluntarias anotados. 


Por último, no mes de maio e en Vigo impartiranse formación aos voluntarios que participen no programa de acompañamento a persoas con discapacidade funcional nas Cíes.