Avanza el Plan de Acción de la Reserva de la Biosfera transfronteriza Gerês-Xurés

A conselleira Ethel Vázquez avanzou na xuntanza do Consello Galego de Medio Ambiente que o DOG publica o anuncio do procedemento

A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE INICIA O PERÍODO DE PARTICIPACIÓN PÚBLICA DO PLAN DE ACCIÓN DA RESERVA DE BIOSFERA TRANSFRONTEIRIZA GERÊS-XURÉS 

Grazas a este documento, cuxo horizonte temporal é ata o ano 2020, realizarase un investimento global de 2,6 millóns de euros
  • Este informe presta especial atención a catro eixos: imaxe e identidade da reserva, desenvolvemento socioeconómico, conservación da natureza, participación social e integración da comunidade e actores que interveñen nela
  • Durante o período de participación pública, que terá unha duración de 15 días naturais, o documento poderá ser consultado na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: http://www.cmati.xunta.es/
  • Tras este período integraranse todas as achegas que se consideren relevantes de cara a mellorar o plan e someterase ao informe do Consello Consultivo como máximo órgano de participación, representación e consulta da reserva
A Consellería de Medio Ambiente iniciará este xoves, 30 de abril, o período de participación pública do plan de acción da reserva de biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés. Segundo avanzou hoxe a conselleira Ethel Vázquez na xuntanza do Consello Galego de Medio Ambiente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores, día 29, o anuncio de inicio do procedemento, que será efectivo ao día seguinte. 

O Plan de Acción reflicte os principais puntos de actuación para o período 2015-2020, priorizando as actuacións de carácter transfronteirizo e de cooperación entre as dúas rexións. 

Grazas a este documento, cuxo horizonte temporal é ata o ano 2020, realizarase un investimento global de 2,6 millóns de euros. 

Este documento presta especial atención a catro eixos: imaxe e identidade da reserva de biosfera transfronteiriza, desenvolvemento socioeconómico, conservación da natureza, participación social e integración da comunidade e actores que interveñen na reserva.

Estes catro eixos desenvólvense dentro do Plan a través de fichas de actuación, onde se describen as principais actividades a executar dentro de cada eixo, o seu contexto e obxectivos, os indicadores e o impacto no territorio, o cronograma e o financiamento previsto. 

O seguimento e avaliación do Plan de Acción -que se desenvolverá de xeito continuo-  estará asegurado a través dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês- Xurés, integrados por representantes das administracións nacionais, rexionais e locais así como polos actores do territorio. A súa misión será, entre outras, a de supervisar as actuacións do plan de acción, formular e executar os plans anuais, propoñer estratexias de conservación e preparar candidaturas a programas de financiamento nacional e/ou europea para desenvolver  as actividades do Plan de acción. 

Durante o período de participación pública, que terá unha duración de 15 días naturais, o documento poderá ser examinado na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Ourense, nas Oficinas do Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: http://www.cmati.xunta.es/.

Tras este período integraranse no documento todas as achegas que se consideren relevantes de cara a mellorar o plan e someterase ao informe do Consello Consultivo como máximo órgano de participación, representación e consulta da reserva. Finalmente o plan será aprobado pola Comisión de Dirección Transfronteriza.

Ao tratarse dunha Reserva de Biosfera Transfronteiriza, o esforzo de cooperación entre o territorio e as entidades portuguesas e españolas ten un peso importante, e en particular, á hora de identificar obxectivos comúns, definir prioridades de actuación para o territorio e artellar estratexias de xestión.


Este esforzo de conxugación e cooperación entre os dous territorios queda reflectido no Plan de Acción Común 2015-2020 da Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, cuxo documento inicial se elaborou a través da coordinación entre o Instituto da Conservación da Natureza e da Floresta, pola parte portuguesa e a Xunta de Galicia (Dirección Xeral Conservación da Natureza) pola parte española.