Bueu : AS OBRAS DO VIAL DE CASTIÑÁNS AVANZAN

Félix Juncal visitando las obras
Continúan as obras no vial de Castiñáns- A Torre a bo ritmo. Así o verificaron esta mañá o alcalde Félix Juncal, o concelleiro de servizos, e o aparellador do Concello ao visitar a obra que comezou o 23 deste mes. Os tres coincidiron ao destacar a firmeza e estabilidade do asfaltado que se está levando a cabo por parte da empresa Fontefría e que inclúe tamén a ampliación da calzada aos 5 metros de anchura. As cunetas da estrada xa están todas limpas, e agora estase procedendo ao asfaltado de todo o vial. Á altura do CEIP A Torre de Cela vaise construír un paso de peóns elevado para frear aos vehículos que circulan a gran velocidade nunha zona de continuo tránsito de nenos.
As obras continuarán segundo o previsto sempre que o tempo acompañe, para proseguir co camiño de Beluso, unha zona na que se van tapar os moitos furados que fan que estea en mal estado. Esta área conta ademais coa problemática da auga que baixa dende o campo de fútbol de As Laxes, deficiencia á que se tentará poñer solución mediante a inclusión dunha canalización de dous cordóns en diagonal. 

Estas obras, cun orzamento estimado de 149.453 euros, culminarán coa pavimentación do Campo Municipal de Laxes, tamén en Beluso.