Bueu : "Día do Libro" da man de Lobocoxo

LOBOCOXO DE BUEU CELEBRA O DÍA DO LIBRO CUN CONTACONTOS POLO RÍO BISPO

Este sábado, o escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’ presentará “Os ratos da casa”

O espazo LOBOCOXO de Bueu vai celebrar mañá xoves, con motivo do Día do Libro, unha sesión de contacontos ao aire libre que transcorrerá pola senda do río Bispo, recén rehabilitada polo Concello. O punto de encontro para a saída será o lavadoiro, ás 18:00 horas. Poderán participar nenos e nenas, nais e pais, avós e avoas, e público en xeral que, ao longo do percorrido, non só poderán apreciar a paisaxe do medio rural, co gando doméstico nas leiras e as hortas da veciñanza, senón que ademais irán escoitando contos relacionados con determinados elementos simbólicos desta contorna.
Así, as adaptacións dos contos populares “O poliño da abeleira”, realizada polo poeta Antonio Rubio, xunto con “Chibos chibóns” e “Garavanciño”, da mestra e narradora Olalla González, van ser algúns relatos deste peculiar repertorio. 
O obxectivo deste roteiro literario é contribuír ao fomento dos libros e da lectura dun xeito orixinal, así como favorecer a promoción da cultura tradicional e inculcar sensibilidade polo coidado da natureza. 
BOOKCROSSING 
Paralelamente, no propio Día do Libro, LOBOCOXO vai promover unha solta de libros, tamén coñecida como ‘bookcrossing’. Consistirá en ceibar obras de literatura infantil e xuvenil en puntos determinados do centro de Bueu, dende tendas ata prazas pasando polos postos do mercado de abastos. O propósito desta iniciativa é involucrar a poboación no hábito da lectura, mesmo de xeito compartido e colaborativo. 
As persoas que participen nesta acción e atopen un libro etiquetado co emblema de LOBOCOXO, poderán contactar coa organización a través das redes sociais ou do correo electrónico, enviando un comentario da lectura do conto e unha fotografía do lugar onde a publicación queda depositada para que outros lectores lle dean continuidade a esta cadea de experiencias. 
Ademais, LOBOCOXO ofrecerá este venres a súa sesión habitual de contacontos para bebés, a partir das 18:00 horas. Dirixida especialmente a nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos, esta actividade está enfocada a estimular dende as primeiras idades o hábito lector, a través de materiais acordes a cada etapa do crecemento e apoiándose nos recursos da tradición oral, como xogos, retrousos ou cantigas. 
VISITA DE OLI 
Este amplo programa de actividades vencelladas ao Día do Libro rematará o sábado ás 12:00 horas coa visita do profesor e escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’, que irá presentar ao local de LOBOCOXO a súa nova obra para público infantil, titulada “Os ratos da casa”, con ilustracións da artista arxentina Natalia Colombo e publicada por KALANDRAKA. 
“Os ratos da casa” trata sobre unha familia de roedores que viaxan dende a montaña ata unha vivenda, onde son descubertos pola familia que habita nela. Encadeando as accións dos personaxes e os elementos da trama, e utilizando a rima, o autor explora novas formas de contar unha historia, cun ton poético e humorístico. As imaxes destacan pola riqueza cromática, a utilización de ceras e lapis de cores, e a representación dos espazos domésticos.