BUEU : OUTRO DOMINGO DE TÍTERES, NO CENTRO SOCIAL DO MAR, CON ‘BRANCANEVES E OS 7’

Tras o espectáculo de títeres ‘O murmurio do mar’, que tivo lugar o pasado domingo, este 26 de abril, Bueu volverá acoller unha obra das mesmas características. A compañía santiaguesa Títeres Cachirulo presentará o seu espectáculo 'Brancaneves e os 7' no Centro Social do Mar, cun prezo de 3,50 euros.
O espectáculo, estreado en febreiro e con cinco actuacións de moi boa acollida, está destinado a nenos maiores de tres anos e a un público adulto.
A partir das 19.30, os buenenses poderán gozar dun espectáculo de marionetas de mesa e actor que recreará a historia de Brancaneves con teatro, música en directo e marionetas de mesa talladas en madeira, e que terá unha duración aproximada de 50 minutos. A trama desenvólvese ao redor dunha gran lareira na que un vello rei lembra as aventuras da súa pequena filla Brancaneves e os encontros que ela tivo cos misteriosos sete personaxes do conto.

A compañía encargada desta actividade de animación foi creada no 1985, e caracterízase pola produción de espectáculos que combina textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, guiñol, sombras, obxectos, teatro de rúa, etc.