Crece la descarga de pescado fresco en la red de Portos de Galicia : un 26%

Os peiraos de titularidade autonómica moveron nos tres primeiros meses do ano un total de 25.451 toneladas de peixe

PORTOS DE GALICIA PECHOU O PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO CUNHA SUBA INTERANUAL NA DESCARGA DE PEIXE FRESCO DO 26% 
  • Os peiraos con maior volume de descarga de pesca fresca foron Ribeira, Burela e Celeiro (Viveiro)
 Portos de Galicia pechou o primeiro trimestre do ano cun incremento interanual na descarga de peixe fresco do 26%. Así se reflicte no balance que o ente público vén de realizar da actividade rexistrada nos peiraos de titularidade autonómica entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo, en comparativa co mesmo periodo do ano anterior. 

Así, nos primeiros tres meses do ano, nos peiraos da Xunta de Galicia rexistrouse unha descarga de pesca fresca de 25.451 toneladas, fronte ás 20.272 do primeiro trimestre de 2014. Esta cifra supón o 60,7% do total descargado en Galicia, que se situou en 41.924 toneladas. En canto ao valor en lonxa da pesca fresca, subiu tamén un 7,6% respecto ao pasado ano, situándose en 54,9 millóns de euros. 

Por peiraos, o porto que se situou no primeiro posto nesta actividade foi o de Ribeira, con 7.373 toneladas de peixe descargadas, un 19% máis que o pasado ano. A continuación situouse Burela, con 6.066 toneladas, un 14% máis que en 2014; seguido de Celeiro, con 4.259 toneladas, experimentando unha leve baixa do 2%. 


En canto ao tráfico de mercadorías, o conxunto total experimentou unha rebaixa interanual debido á drástica caída do tráfico de madeira en bruto, especialmente na Mariña lucense. Esta actividade está a sufrir unha forte reducción debido a un conflicto particular entre empresas de España e Portugal por razóns de competencia, o que está a mermar mutuamente a súa capacidade de traballo e rebaixando os tráficos globais de madeira. De feito, no que vai de ano non se rexistrou entrada de ningún buque de carga de madeira no peirao de Burela, fronte ás 68.000 toneladas movidas no mesmo periodo do ano pasado.