Galicia : aumentan los depósitos de fianzas de alquileres

O director xeral do IGVS, Heriberto García, concretou na Cámara galega que tamén aumentaron as devolucións unha vez cancelados os contratos de alugueiro

AS FIANZAS DE ALUGUEIRO DEPOSITADAS NO IGVS INCREMENTÁRONSE NUN 38 POR CENTO DENDE 2009
  • O director do IGVS dixo no Parlamento que estas cantidades deposítanse no IGVS dende que hai trinta anos, cando se transferiu a competencia de vivenda á comunidade autónoma
  • Sinalar tamén que o  sistema de custodia das fianzas é unha garantía para o inquilino
O importe das fianzas de alugueiros depositadas no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) incrementouse nun 38 por cento dende 2009, segundo indicou hoxe no Parlamento o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto. Da mesma maneira, nos últimos anos, os depósitos de fianzas de alugueiro medraron considerablemente, pasando de 13.290 fianzas depositadas no ano 2011 a 20.715 en 2014.

García Porto concretou que, previsiblemente en 2015, volverán a incrementarse os depósitos xa que no que vai de ano, as fianzas depositadas xa acadan as 11.849. No período que vai de 2011 ata a actualidade depositáronse as fianzas de máis de 78.600 contratos, por importe de 47,7 millóns de euros. Da mesma maneira, subliñou que tamén aumentaron as devolucións unha vez cancelados os contratos de alugueiro, pasando das 9.453 de 2011 ás 14.271 de 2014. Dende 2011 ata actualidade devolvéronse aos depositantes 30,6 millóns de euros.

O director xeral do IGVS explicou no Parlamento que as fianzas deposítanse no Instituto Galego da Vivenda e Solo dende que hai trinta anos, desde que se levaron a cabo as transferencias en materia de vivenda á comunidade autónoma. Inicialmente, a xestión das mesmas correspondía ás Cámaras da Propiedade Urbana, inda que os fondos se depositaban no IGVS pero, dende que en 1999, se liquidaron as Cámaras e a xestión pasou a depender tamén da Xunta.

Segundo establece a normativa vixente o IGVS dispón libremente dos xuros xerados polos fondos depositados e ademais poderá dispoñer de ata o 70 por cento dos importes depositados para utilizar en políticas publicas de vivenda e rehabilitación, sempre que quede garantida a devolución das fianzas que sexan reclamadas.

O Decreto 42/2011 que regula o depósito de fianzas establece que están obrigados a depositalas no IGVS os arrendadores e subarrendadores de predios urbanos, tanto se están destinados a vivenda como a outro fin, como locais comerciais. Tamén están obrigadas a depositar as fianzas que esixan aos seus clientes as empresas e entidades prestadoras de servizos como luz, auga, telefonía, etc. Quedan eximidos da obriga de depósito os arrendamentos de duración igual ou inferior a un mes. Sinalar que o  sistema de custodia das fianzas é unha garantía para o inquilino.

O depósito da fianza deberá realizarse no prazo dun mes dende a sinatura do contrato. As fianzas depositadas fóra de prazo, pero de maneira voluntaria, veranse incrementadas cos xuros legais que correspondan. No caso de depósitos fóra de prazo motivados por unha inspección ou expedientes, ademais dos intereses imporase una sanción que oscilará entre 300 e 3.000 euros e que como mínimo equivalerá ao importe de dúas mensualidades.