GALICIA E NORTE DE PORTUGAL IMPULSAN O INTERCAMBIO CULTURAL NO EIDO DO LIBRO E DAS BIBLIOTECAS

  • O conselleiro Román Rodríguez; o director rexional de Cultura do Norte, António Ponte; e a directora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Maria Geraldes; asinaron un Memorando de entendemento
  • Este acordo, subscrito coincidindo coa celebración do Día do Libro, nace co obxectivo de fomentar o diálogo entre as culturas galega e portuguesa
A Xunta de Galicia e a Rexión Norte de Portugal acordaron impulsar o intercambio cultural entre ambos territorios mediante a posta en marcha dunha serie de iniciativas conxuntas no que atinxe ao eido do libro e das bibliotecas. Así se recolle no Memorando de entendemento que asinaron, coincidindo coa celebración do Día do Libro, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o director rexional de Cultura do Norte, António Ponte; e a directora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, María Geraldes

Trala sinatura, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi o encargado de explicar o contido deste Memorando que, segundo dixo, “representa a vontade de cooperación entre ambas rexións co obxectivo de fomentar o diálogo entre as culturas galega e portuguesa”. “Trátase –engadiu Anxo Lorenzo- de facilitar as relacións eurorrexionais cos nosos veciños e irmáns portugueses” a fin de impulsar accións concretas en diversas áreas de interese común.  

Accións concretas
Ao abeiro deste acordo cómpre destacar a creación do premio literario ‘Nortear’, destinado a escritores novos de Galicia e Norte de Portugal, de entre 16 e 36 anos. A obra premiada editarase en ambas dúas linguas. 

Así mesmo levarase a cabo o proxecto Escritores do Norte, que inclúe o deseño de roteiros literarios e turísticos pola xeografía literaria e/ou vital de tres autores especialmente representativos para a cultura de cada unha das rexións, así como un portal dixital de difusión de ditos autores e das súas obras. 

Tamén se fomentará o intercambio de fondos bibliográficos destinados a nutrir a sección de lingu aportuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal. Tamén se organizará, como mínimo, unha exposición conxunta anual sobre un autor da Eurorrexión, e se realizará unha acción anual conxunta de promoción do patrimonio inmaterial común. 

Trátase, en definitiva, de establecer unha serie de áreas de interese común como son traballar no coñecemento mutuo entre as respectivas cidadanías, a potenciación dos valores culturais coincidentes, o fomento do coñecemento do patrimonio cultural dos dous territorios ou a concepción do Camiño de Santiago como un gran eixo de cooperación na Eurorrexión. 

O acto, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia, contou coa presenza do presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional-Norte, Emídio Gomes; e da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.