IES RODEIRA : XUNTA RECOÑECE SEIS CENTROS EDUCATIVOS POLA SÚA INNOVACIÓN NA PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA

  • Os proxectos do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, o IES Rodeira (Cangas), o IES Perdouro (Burela), o IES Pobra do Caramiñal e os ribeirenses CEIP Plurilingüe de Frións e CEIP Heroínas de Sálvora foron os seleccionados 
  • Os centros recibirán 2.000 euros para materializaren a súa proposta de intervención educativa, apoio e asesoramento durante o seu desenvolvemento e difusión do seu traballo e dos materiais producidos 
IES Rodeira, en Cangas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública esta mañá, a través do Portal Educativo e do web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal, a resolución da convocatoria pola que se aproban as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería. O obxectivo da convocatoria era recoñecer, apoiar e difundir a innovación educativa en materia de promoción da lingua galega para estendela e facela máis eficaz.

Con este obxectivo, seleccionáronse cinco proxectos presentados por seis centros educativos. Trátase de “App para móbiles Palabras de noso. Diccionario de léxico patrimonial da montaña lucense”, do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna; “Labirintos: realidades aumentadas, realidades inclusivas”, dos CEIP Plurilingüe de Frións e Heroínas de Sálvora, ambos de Ribeira; “Destapa o galego” do IES Rodeira de Cangas; “Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa”, do IES Perdouro, de Burela, e “21 días co galego” do IES da Pobra do Caramiñal.

Para que os centros educativos seleccionados poidan levar adiante os seus proxectos, a Consellería de Cultura e Educación outórgalles 2.000 euros, así como apoio e asesoramento durante a fase de desenvolvemento. Por parte, a Consellería comprométese a difundir os traballos e materiais producidos no marco de cada proposta no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal.

Apoio aos equipos de dinamización da lingua galega
A convocatoria de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permitiu a participación de cada centro educativo de xeito individual ou ben de ata tres centros agrupados que presentasen un único proxecto común. As propostas de intervención debían redundar no uso do galego oral, no achegamento a esta lingua do alumnado procedente do estranxeiro e das súas familias, na colaboración con entidades externas ao centro educativo para promover o idioma propio de Galicia ou na relación da lingua galega coas tecnoloxías da información e da comunicación. 


A convocatoria, que selecciona para a súa implementación cinco dos proxectos presentados, insírese nas liñas de traballo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para recoñecer, apoiar e facer viable o labor dos equipos de dinamización da lingua galega, a través dos cales se promove nos centros educativos o idioma propio de Galicia. Aos mesmos obxectivos obedecen as axudas ao conxunto de proxectos de fomento do uso do galego que presentan anualmente tanto colexios públicos como privados.