21/4/15

“Máis que nunca, temos a responsabilidade de administrar un legado que converteu a España nun país moderno e próspero" (Feijóo)

O responsable do Goberno galego participou esta tarde na presentación do libro ‘El año mágico de Adolfo Suárez. Un rey y un presidente ante las cámaras’ de Rafael Ansón

FEIJÓO APELA AO ESPÍRITO DA TRANSICIÓN MARCADO POLO SENTIDO COMÚN, O INTERESE XERAL E A BUSCA DO ACORDO PARA SUPERAR AS DIFICULTADES ACTUAIS
  • Destaca a necesidade de que o debate, o intercambio de ideas, se oriente cara ao consenso xa que cando se dirixe cara a disensión permanente coarta o desenvolvemento social e económico
  • “Máis que nunca, temos a responsabilidade de administrar un legado que converteu a España nun país moderno e próspero. Temos máis que o que eles tiveron porque temos o seu exemplo”, lembra, no tocante á Transición
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao espírito da Transición marcado polo sentido común, o interese xeral e a busca do acordo para superar as dificultades actuais. Durante a presentación do libro ‘El año mágico de Adolfo Suárez. Un rey y un presidente ante las cámaras’, Feijóo aseverou que detrás dos episodios que describe Rafael Ansón están as probas que demostran que se a Transición democrática triunfou é porque houbo persoas como Adolfo Suárez ou como a Súa Maxestade o Rei don Juan Carlos, que impuxeron o sentido común, o interese xeral e a busca do acordo, sobre calquera outra consideración. 

Nesta mesma liña, afirmou que ademais de satisfacer a nosa curiosidade sobre un dos anos máis vertixinosos da nosa historia, este acto permite poder recoller as claves para reeditar o mesmo comportamento político, “que por certo –aseverou- nunca debemos abandonar”.

Logo de facer fincapé en que o consenso constitucional foi extraordinariamente forte nos primeiros anos da era democrática pero, pouco a pouco, foise disipando ata practicamente desaparecer nos nosos días, Feijóo destacou a necesidade de que o debate, o intercambio de ideas, se oriente cara ao consenso xa que cando se dirixe cara a disensión permanente coarta o desenvolvemento social e económico.

Durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego incidiu na necesidade de recordar que é posible construír un país desde a maioría coherente que está de acordo no esencial, porque esa maioría coherente é moderada e reclama acordos. “É posible porque xa o fixemos e nese espello deberiamos volver mirarnos”, dixo, aseverando que ese esforzo común volve ser necesario hoxe. “Máis que nunca, temos a responsabilidade de administrar un legado que converteu a España nun país moderno e próspero. Temos máis que o que eles tiveron porque temos o seu exemplo”, concluíu.