O ANO PASADO COMERCIALIZÁRONSE MÁIS DE 35 MILLÓNS DE LITROS DE VIÑO EN GALICIA

O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, participou na inauguración do Salón Internacional do Viño “Fevino 2015”
  • Fernández-Couto destacou que “a nosa Comunidade pode presumir de ser o sexto destino enoturístico do mundo, froito da dedicación, esforzo e visión de futuro de todo un sector” 
O ano pasado comercializáronse máis de 35 millóns de litros de viño en Galicia. Así o adiantou esta mañá o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, na inauguración do Salón Internacional do Viño “Fevino 2015”, que se celebra en Ferrol hoxe e mañá. 

O secretario xeral destacou que “a nosa Comunidade pode presumir de ser o sexto destino enoturístico do mundo, froito da dedicación, esforzo e visión de futuro de todo un sector”. Un sector, dixo, “que soubo ver no turismo unha nova fonte de riqueza e de xeración de emprego” ao tempo que sinalou que “sabe que é nas redes de comercialización exterior nas que hai que fixar a vista”.

Fernández-Couto fixo fincapé na tradición galega ligada ao viño. A nosa Comunidade conta con 5 Denominacións de Orixe que, “co seu traballo e dedicación diarios conseguen consolidar o prestixio e a calidade dos nosos fermentados da vide”, explicou.

Neste sentido, o titular de Medio Rural e Montes trasladou o seu agradecemento aos organizadores do evento e salientou que certames como Fevino, no que se dan cita importadores, adegas e viños de todo o mundo, contribúen de xeito moi positivo ao sector.

Fevino 
Esta é a novena edición desta cita bienal, que comezou como feira e desde o 2013 alcanzou a categoría de salón, converténdose nun evento unicamente destinado a profesionais do sector. Este certame, organizado pola empresa DEUVA Vinos y Gestión, conta co patrocinio da Deputación da Coruña, Concello de Ferrol e Hijos de Rivera e a colaboración de diferentes empresas e entidades, entre elas Galicia Calidade.

Neste encontro están presentes máis de 150 adegas de toda España, ademais dalgunhas de Arxentina e Portugal. De Galicia participan medio cento de adegas, tanto das cinco denominacións de orixe como de fóra delas.