21/4/15

O CONCELLO DE CANGAS AXUDARÁ A DINAMIZAR A PRAZA DE ABASTOS

O alcalde, José Enrique Sotelo, reuniuse coa presidenta da Asociación de Vendedores da Praza de Abastos, Milagros Bastón.

O Concello de Cangas pretende axudar á Praza de Abastos na adopción de medidas para dinamizar o mercado. A praza, que xa goza dun edificio singular e se atopa nun lugar privilexiado da vila, prevé diferentes medidas de mellora que complementarán ás que xa se foron facendo ata agora. Entre estas, destaca a apertura da praza polas tardes,  prevista para as primeiras semanas de maio. 

O grupo de vendedores da Praza de Abastos teñen intención de dinamizar a praza con diferentes actividades polas tardes. Unha das actividades que teñen concertadas é un concurso de pintura, no que participarán todos os colexios de Cangas, e que se presentará este mércores aos medios pola mañá. 

O Concello porá en marcha diferentes accións para axudalos, como a implantación da zona azul ou a mellora dos servizos de limpeza. Ademais, está previsto ubicar na planta superior outros negocios complementarios aos actuais, coma un supermercado ou unha cafetería, sempre e cando estes non entren en competencia cos servizos que xa existen.


Para seguir concretando as iniciativas previstas, o alcalde e a presidenta volverán reunirse a próxima semana.