O CONCELLO DE CANGAS SEGUE APOSTANDO POLO CASCO ANTIGO

A Xunta de Goberno deu conta da sinatura de Acordo da Comisión Bilateral realizada o 14.03.15 referente á Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco vello de Cangas (Plan Estatal de fomento de alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, anualidade 2015).

O  Goberno local de Cangas aposta unha vez máis polo casco antigo, revitalizando e saneando o seu ámbito, a través do Plan Estatal de fomento de alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016. Coa sinatura deste acordo, danse por finalizadas as actuacións financiadas a cargo de Plans anteriores referidos a esta Área e refórzanse outras novas.

O Concello prevé, entre 2013-2016, 21 actuacións para o plan de vivenda, nas que, a través do Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Cangas (PEPRI) se realizarán obras de rehabilitación, conservación, melloras das condicións de habitalidade, mellora da accesibilidade ou aforro enerxético. 

Os traballos que se levarán a cabo a través de dito Plan son: a impermebealización integral da Casa da Bola e a humanización da rúa Antonio Nores. Na Casa da Bola as actuacións que se van realizar son na cuberta e na fachada sur e este, onde se preocederá á limpeza de materia vexetal, impermeabilización integral do inmoble e recolocación da tella. Na rúa Antonio Nores, está previsto urbanizar e mellorar o entorno, reparar as deficiencias atopadas na instalación de pluviais, cambiar e recolocar o alumeado público e pavimentar a calzada.


O coste subvencionable de actuación é de aproximadamente 700.000 euros e o período de actuación establécese ata o 31 de decembro de 2016.