22/4/15

Ordenanza de taxis, en Bueu, será abordada en el pleno del 4 de mayo

O BORRADOR DA ORDENANZA DE REGULACIÓN DO SERVIZO DE TAXIS DE BUEU SERÁ LEVADO AO PLENO DO 4 DE MAIO

O borrador da nova ordenanza que regula o servizo de taxis en Bueu está xa preparado para someterse á aprobación da sesión plenaria do 4 de maio e que muda á anterior que databa do 1996. 
Esta actualización da ordenanza vén dada por dous motivos principais. O primeiro é referente é Lei 4/2013 da Xunta de Galicia, que estipula que a regulación do servizo de taxis é terreo das administracións locais e, o segundo, atinxe á propia renovación das condicións de uso do servizo, o cal mudou moito con respecto ao ano 1996. Por iso, a nova ordenanza contempla varios aspectos de regulación que estaban dando lugar a un conflito por parte dos autopatróns nos últimos tempos.
Os aspectos máis novidosos deste borrador son os referentes ao uso do taxímetro, que pasa a ser de uso obrigatorio en todos os taxis, e a contratación do servizo fóra das paradas nun radio de 100 metros, e non de 50 como se pensara anteriormente. Outros aspectos que se regulan van dirixidos tanto aos taxistas, como aos propios usuarios que utilizan o servizo.
A ordenanza propón actuacións no que atinxe aos vehículos das licenzas, recolle os requisitos xerais dos propios vehículos e o tema de homoxeneización de distintivos do Concello de Bueu: os taxis serán brancos e levarán o escudo do Concello de Bueu, dun tamaño de 15 centímetros de alto por 9,20 de ancho e colocado no centro das portas dianteiras.  Ademais, o Concello autorizará a publicidade inserida nos vehículos sempre que conserven a súa estética e non impidan a súa visibilidade.
Outros aspectos que se recollen teñen que ver coas esixencias para os condutores do taxi e para as condicións de prestación do servizo. Neste sentido, Félix Juncal salienta que o usuario vai contar cuns dereitos e garantías, xa que poderá acceder aos datos do titular do vehículo, así como das tarifas, e a inclusión tamén de follas de reclamación. No caso dos deberes, na ordenanza establécese que se o usuario vai pagar cunha cantidade que supoña devolver un cambio superior a 20 euros, deberá comunicalo ao condutor antes da contratación do servizo. 
No caso das tarifas, o Concello aprobaraas de acordo co Consello Galego de Transportes, para garantir a cobertura do custo real do servizo.

Con esta ordenanza, á que polo de agora non se recibiu  ningunha suxerencia por parte do colectivo afectado,  preténdese estar á altura dos novos tempos e actualizar unha lei que quedou obsoleta no actual sistema. Os autopatróns aínda disporán de tempo para a presentación de propostas de mellora.